Cuntis estrea o novo aspecto da rúa Bernardo Sagasta, na que se investiron preto uns 400.000 euros

Umia
20 de febreiro 2015

As obras consistiron na modificación do reparto da sección transversal, habilitando beirarrúas con anchos axeitados, zona de aparcadoiro e un carril coa anchura recomendable; e na reordenación da circulación do tráfico mediante a supresión dun sentido de circulación -mantense como sentido único o de saída-

Inauguración da reforma integral da rúa Bernardo Sagasta (Cuntis)
Inauguración da reforma integral da rúa Bernardo Sagasta (Cuntis) /

A rehabilitación integral da rúa Bernardo Sagasta xa está rematada. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, comprobou este venres o remate destes traballos, que contaron cun investimento de case 400.000 euros.

Esta reforma, sinalou, suporá un beneficio para os veciños desta vila ao lograr que esta vía sexa máis segura e transitable tanto para peóns como para vehículos. 

As obras consistiron na modificación do reparto da sección transversal, habilitando beirarrúas con anchos axeitados, zona de aparcadoiro e un carril coa anchura recomendable; e na reordenación da circulación do tráfico mediante a supresión dun sentido de circulación -mantense como sentido único o de saída-.

A responsable de Infraestruturas da Xunta de Galicia remarcou que como esta rúa Bernardo Sagasta atópase no núcleo histórico de Cuntis, o seu acondicionamento redundará directamente no benestar dos seus preto de 5.000 habitantes, pero tamén no desenvolvemento económico e turístico deste municipio, que conta con importantes recursos termais. 

Vázquez destacou que "con esta actuación o Goberno galego atende unha demanda histórica dos veciños de Cuntis e pon de manifesto o compromiso de poñer ao servizo dos galegos infraestruturas máis cómodas, seguras e mellor integradas desde o punto de vista ambiental: infraestruturas e equipamentos que inciden de xeito directo na dinamización da economía e do turismo nas nosas vilas".

A conselleira de Infraestruturas tamén salientou outra actuación de gran importancia nesta zona como é a mellora da rede de saneamento, unha obra na que a Xunta inviste 1,4 millóns de euros e que está incluída no Plan Umia, un programa que recolle actuacións de saneamento e depuración dos núcleos situados na ribeira do Umia por valor de 22,45 millóns de euros.