Ata 30.000 euros destinou Cuntis durante o ano 2021 para poder trasladar a unha planta especializada as máis de 150 toneladas de voluminosos que xeraron os seus veciños para proceder ao seu axeitado tratamento.
Ante esta situación, desde o goberno municipal de Cuntis sosteñen que o tratamento deste tipo de residuos é xa unha necesidade e require dunhas instalacións e prestacións específicas que dean resposta a unha demanda da cidadanía.
Por iso, os alcaldes de Cuntis, Moraña e Caldas de Reis mantiveron xa varias reunións para abordar a posibilidade de crear un punto limpo no que os cidadáns poidan depositar os seus enseres e os concellos centralizar o seu almacenamento en óptimas condicións.
A falta dun terreo cunha ubicación o suficientemente céntrica para resultar cómoda á poboación dos tres municipios é o principal escollo que ten paralizado este proxecto, que os tres rexedores trasladaron tamén á Deputación de Pontevedra.
Unha vez conseguido o chan pretenden concurrir conxuntamente á convocatoria de axudas públicas para a construcción das instalacións.
O Concello de Cuntis recolle cada último xoves de mes os voluminosos que os cidadáns depositan xunto aos contenedores. Almacena estes residuos nunha parcela municipal no polígono industrial de A Ran para o seu transporte á planta de reciclaxe.
"Somos conscientes de que non é a mellor solución pero optamos por acumular os residuos na Ran antes de que anden ciscados polo municipio", subliña Manuel Campos, que reitera que este punto limpo compartido é "axeitado" porque permitirá compartir o servizo e os gastos que xera.