Cuntis insta á limpeza do monte privado

Umia
26 de xuño 2017

O Concello de Cuntis esta levando a cabo a campaña de roza de vías na zona rural. Trátase de traballos de mantemento de vías e de prevención de incendios, tal e como obriga a lei

Desbroce nos viais de Cuntis
Desbroce nos viais de Cuntis / Concello de Cuntis

O Concello de Cuntis esta levando a cabo a campaña de roza de vías na zona rural. Trátase de traballos de mantemento de vías e de prevención de incendios, tal e como obriga a lei.

Para este labor emprégase persoal da brigada de obras do concello e maquinaria da Deputación. Segundo informan desde o goberno local, nos próximos días incorporarase persoal que está a ser seleccionado para a brigada de prevención de incendios.

O Concello pediu a colaboración dos propietarios de terreos privados e das comunidades de montes para que limpen as franxas de protección na contorna dos núcleos poboados. Desde o Concello está a remitirse durante estes días unha comunicación lembrándolles que teñen que acometer a limpeza dos terreos lindeiros con vivendas e núcleos de poboación. Neste sentido tamén se emitiu un bando informativo.

Por outra banda a Policía Local empezou a redactar informes de inspección daqueles terreos que foron denunciados por particulares. O Concello tamén está a actuar naquelas leiras nas que os seus propietarios xa son reincidentes e non procederon á súa limpeza. Estas tarefas céntranse a día de hoxe na parroquia de Estacas, Arcos e Cuntis, estando case finalizada a parroquia de Troáns.

Desde o grupo de goberno aseguran que están "a traballar para mellorar o servizo que presta o concello" e protexer o medio ambiente con actuacións que son "indispensables" reiterando a súa chamada á "colaboración" veciñal no ámbito que afecta a terreos particulares.