Cuntis prolonga a suspensión de todas as actividades ata o 7 de decembro

Umia
06 de novembro 2020

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos ven de publicar un bando no que informa a cidadanía que continúan suspendidas ata o 7 de decembro de 2020 as actividades culturais, deportivas, educativas ou de calquera outro tipo realizadas en instalacións públicas

Casa do Concello de Cuntis
Casa do Concello de Cuntis / Concello de Cuntis

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos ven de publicar un bando no que informa a cidadanía que continúan suspendidas ata o 7 de decembro de 2020 as actividades culturais, deportivas, educativas ou de calquera outro tipo realizadas en instalacións públicas. A partir desta data valorarase a continuidade ou o levantamento das restricións.

O Goberno local considera que as medidas tomadas para frear a expansión do coronavirus durante as últimas 3 semanas polo Concello de Cuntis "están sendo efectivas e os datos reflicten unha tendencia á melloría".

"Grazas a estas accións e á responsabilidade da veciñanza o gromo vaise controlando, pero queda aínda camiño por percorrer para que Cuntis quede libre de covid", sinalan. Por iso, o Goberno municipal, en acordo co profesorado das escolas municipais e demais colectivos, decidiu estender as medidas actuais durante un mes máis.

Manuel Campos lembra que esta paralización non afecta ao servizo de conciliación Cuntilín, que se presta no CPI Don Aurelio.

Ademáis a actividade lectiva no colexio tamén se manterá con total normalidade seguindo todos os protocolos de seguridade que se veñen aplicando dende o inicio do curso. 

Finalmente, no Bando da Alcaldía aconséllase que se restrinxan o máximo posible todas aquelas actividades que favorezan o contacto entre persoas no ámbito privado e, en todo caso, que calquera actividade deste tipo se desenvolva de acordo coas limitacións e medidas de seguridade e prevención establecidas na Orde do 4 de novembro da Consellería de Sanidade.

O Concello de Cuntis volve facer un chamamento á prudencia e á responsabilidade individual e colectiva. "Frear a expansión do virus é cuestión de todos e todas". Ademáis destacan que "grazas ao esforzo das últimas semanas" Cuntis non se viu afectado polos cerres municipais ou o peche de hostalaría polo que sinalan que "debemos continuar nesta dirección" isto é: evitar contactos innecesarios, usar sempre a máscara, manter a distancia social e reforzar a hixiene de mans.