Cuntis proporciona axudas municipais de emerxencia social a 40 familias

Umia
05 de maio 2020

A finais do mes de marzo, o Concello de Cuntis puxo en marcha un programa de apoio a familias ou persoas con dificultades económicas ou en situacións de especial vulnerabilidade provocadas ou agravadas polo estado de alarma decretado polo Goberno central

Casa consistorial de Cuntis
Casa consistorial de Cuntis / Concello de Cuntis

A finais do mes de marzo, o Concello de Cuntis puxo en marcha un programa de apoio a familias ou persoas con dificultades económicas ou en situacións de especial vulnerabilidade provocadas ou agravadas polo estado de alarma decretado polo Goberno central.

O programa municipal de axudas directas a familias con dificultades socioeconómicas provocadas pola emerxencia da COVID-19 atendeu xa a 40 familias do concello. Trátase dun plan pioneiro que se financia a través da asignación extraordinaria da Deputación de Pontevedra para a prestación de servizos básicos ante a emerxencia sanitaria.

Nesta primeira fase, o programa está dotado con 10.000 euros. O alcalde, Manuel Campos, lembra que as axudas seguen en plena vixencia e que calquera familia que cumpra as condicións pode formular a súa solicitude a través dos correos electrónicos [email protected] ou [email protected].

Para máis información, as persoas interesadas tamén poden chamar aos teléfonos: 986 185 468 ou 986 185 723 de 09.00 a 14.00 horas.

Deberanse achegar nas solicitudes os datos persoais de todas as persoas que integran a unidade familiar de convivencia así como datos que acrediten o empadroamento ou a residencia habitual en Cuntis e outros de carácter económico relativos aos ingresos.

Dada a excepcional situación, a acreditación documental poderá realizarse mediante a presentación de fotografías da documentación, ou a través doutros medios dispoñibles. Unha vez presentada a solicitude, no prazo máximo de 3 días, esta será avaliada polos Servizos Sociais municipais, para a súa concesión ou denegación en base ao regulamento.

A axuda económica faise efectiva mediante a retirada de produtos básicos (alimentación, hixiene persoal, hixiene do fogar e farmacéuticos) dos distintos establecementos de alimentación, hixiene e farmacias ata o límite do importe establecido en función do número de persoas que integren a unidade familiar. As axudas establécense en 100 euros para 1 persoa e 150 euros para dúas persoas, cun incremento adicional de 30 euros por persoa que integre a unidade de convivencia.

A concelleira de Benestar Social, Ana Loureiro, destaca que "a atención social está sendo unha prioridade para o goberno de Cuntis durante o estado de alarma". Por iso, expresa o seu agradecemento en nome do Concello á Deputación de Pontevedra "por impulsar unha liña de axudas que permita aos concellos activar medidas como a presente coa que poder dar unha resposta axeitada as moitas necesidades que xorden neste escenario de pandemia e, especialmente, para prestar a mellor atención as persoas maiores e colectivos máis vulnerables".

Ademais do programa municipal de axuda ás familias en dificultade, o Concello de Cuntis, dentro do ámbito dos Servizos Sociais, tamén activou plans de seguimento a persoas maiores ou de reparto de documentación escolar a domicilio, entre outros.