Sanxenxo acollerá un curso de autodefensa feminino, entre o 5 e 12 de marzo, de 9 a 13 horas, na Casa de Cultura de Adina.
A actividade é gratuíta, pero as prazas son limitadas e enmárcase dentro da programación municipal polo 8-M Día Internacional da Muller.
As interesadas deben inscribirse previamente no correo [email protected].
O curso componse dunha parte teórica e práctica que se dará en conxunto para que a formación sexa dinámica.
Na parte teórica traballaranse conceptos psicolóxicos tanto da vítima como do agresor e o código penal.
Haberá unha parte de desenvolvemento do control do cinco craves que contempla o programa a través do Método Máis como son a respiración, a observación, a valoración, a estratexia e a técnica.
Tamén se traballará todo tipo de prevención en situacións de risco e un amplo abanico de técnicas para defenderse ante un ataque ou un agarre ao peito ou ao xeito, así como un ataque cunha arma branca.
A finalidade do curso é que a muller teña ferramentas suficientes para sentirse segura nunha situación de risco en todos os ámbitos da súa vida.
O curso foi concedido a través da Consellería de Política Social e Igualdade, a través da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, no marco do acordo de colaboración asinado entre este departamento e a Federación Galega de Municipios e Provincias de Galicia para a conformación dunha rede de entidades locais contra a violencia de xénero.
O curso ten unha duración de 8 horas, onde as mulleres participantes poderán aprender técnicas concretas de autodefensa para a vida diaria.