Cuspedriños celebra este domingo a súa tradicional Rapa das Bestas

Cerdedo Cotobade
04 de agosto 2023

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, presentou este venres un evento que ten previsto a subida das bestas desde Viascón ao curro de Cuspedriños ás 12 horas do domingo 6 de agosto

Presentación da Rapa das Bestas de Cuspedriños
Presentación da Rapa das Bestas de Cuspedriños / Concello de Cerdedo-Cotobade

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, o tenente de alcalde Fernando Vázquez e membros da comisión organizadora presentaron este venres o programa de actividades da Rapa das Bestas de Cuspedriños que terá lugar o vindeiro domingo 6 de agosto e que conta coa colaboración do Concello.

Esta actividade tradicional desenvolverase durante toda a xornada do domingo. Comezará sobre as 11 horas da mañá coa degustación gratuíta de carne de poldro doada pola Asociación Pura Raza Galega (PURAGA).

Sobre as 12 do mediodía terá lugar a subida das bestas do peche de Viascón ata o Curro de Cuspedriños onde se comezará a facer a separación dos poldros, tarefa na que colaborará tamén a rapazada, que estará supervisada pola organización do evento.

Sobre as 14 horas terá lugar a tradicional comida campestre a cargo de Pilar Fuchela. Para favorecer a participación, a organización estipulou un prezo de 30 euros por persoa para un menú composto por polbo á feira, churrasco e postre.

Ás 17 horas comezará a Rapa das Bestas na que pode participar calquera persoa que o desexe, sempre respectando as medidas de seguridade e aos animais.

Pola súa banda, o alcalde de Cerdedo-Cotobade agradeceu tanto aos aloitadores e aloitadoras como aos membros da organización o seu esforzo en manter viva esta tradición que nos define como pobo e animounos a seguir traballando con este labor de promoción do mundo do cabalo.