"Damos o teléfono a menores e é máis perigoso que darlles as chaves do coche"

Pontevedra
07 de xuño 2024

Responsables educativos da Policía Nacional que forman parte do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade Escolar nos Centros Educativos e nas súas contornas alertan dos perigos que implica o uso de internet por parte dos menores. O CPI do Toural recibía este xoves un premio por un vídeo realizado neste centro escolar de Vilaboa sobre o bullying

Cristina González era directora do CPI do Toural cando se gravou o vídeo sobre acoso escolar
Cristina González era directora do CPI do Toural cando se gravou o vídeo sobre acoso escolar / Mónica Patxot

Olalla Ríos, axente da Policía Nacional pertencente ao grupo de Participación Cidadá, é unha das persoas encargadas de impartir no municipio de Pontevedra charlas en centros educativos, asociacións e residencias de maiores sobre diferentes temáticas para alertar sobre adiccións, acoso e tamén sobre os riscos do uso da internet.

"Hai veces que damos o teléfono a menores e hai que conciencialos porque é máis perigoso que darlles as chaves do coche", afirma de maneira contundente para engadir que "hai infinidade de páxinas perigosas". 

A axente da Comisaría Provincial da Policía Nacional en Pontevedra advirte sobre a "adicción" que xeran as pantallas e explica o fenómeno coñecido como "hikikomori", un termo xaponés co que se describe a persoas que se retiran de todo contacto social durante días sen abandonar a súa vivenda e prestando atención só ás pantallas.

O traballo de Olalla Ríos é concienciar a alumnado, profesorado e adultos dos perigos de determinadas prácticas que pasan desapercibidas.

Na mesma liña traballan Elena Rey e Bernardo Villanueva, inspectores delegados de Participación Cidadá en Navarra e Burgos respectivamente. Ambos recibían este xoves en Vilaboa, de mans do ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, un dos premios do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade Escolar nos Centros Educativos.

O seu labor tamén consiste en formar para previr nos centros educativos. Elena Rey indica que a idea é "que saiban detectar os riscos e actuar para evitalos", ademais de mostrarlles "como pedir axuda para minimizar as consecuencias. Vennos como alguén útil", afirma en relación aos estudantes que reciben estas sesións.

Bernardo Villanueva admite que "o traballo está máis nos pais". Recoñece que cada vez acode un número maior de nais e pais ás charlas informativas "pero é insuficiente". 

"Acoso existiu toda a vida. Agora o problema son as redes, a desinformación. Non contrastamos as informacións. Chéganos o que queremos escoitar e de aí xa non pasamos. E o que non me vai a gustar, non o escoito", alerta o inspector sobre o uso que se realiza por parte da sociedade das distintas redes sociais.

 "Os que sofren acoso pasan meses e meses, mesmo anos, sen pedir axuda. Que non calen, que o digan porque isto é un problema serio"

Explica tamén que é necesario que os menores que sofren ciberacoso por medios dixitais "non borren as ameazas e que o comuniquen. Os que sofren acoso pasan meses e meses, mesmo anos, sen pedir axuda. Que non calen, que o digan porque isto é un problema serio".

"A educación dixital é parte da educación integral da mocidade", manifesta Rey ao recoñecer que agora se visibiliza máis esta problemática.

Cristina González era a directora do CPI do Toural de Vilaboa cando se puxo en marcha a gravación dunha curtametraxe que buscaba concienciar á comunidade escolar sobre a problemática que conleva o acoso nas aulas a través de métodos cibernéticos, físicos ou psíquicos. Grazas a este vídeo, o centro educativo recibía tamén este xoves uno dos premios que entregaba o ministro de Interior.

Javier Cancelas, o axente da Garda Civil responsable das charlas no centro, foi quen animou á dirección para realizar a curtametraxe para o que contaron con David Amor e Cristina Maró como intérpretes, ademais de alumnado e profesorado do centro. 

"Penso que houbo máis concienciación", asegura Cristina González ao facer un balance do resultado da curtametraxe explicando que neste traballo se destaca a importancia que teñen aquelas persoas que son espectadoras de casos de bullying sen que se produza unha reacción: "son a causa de que a situación do acoso se manteña no tempo", admite.

O vídeo premiado está a distribuírse nos centros escolares pola Garda Civil e pódese ver nesta ligazón.