David Amor, padriño da Gran Recollida do Banco de Alimentos: "Segue habendo xente boa, con ganas de cambiar as cousas"

Pontevedra
30 de novembro 2018

O obxectivo tanto de Amor como do Banco de Alimentos é superar na cidade de Pontevedra 165.000 quilos de alimentos durante estes dous días. Medio centenar de hipermercados e supermercados de Pontevedra cidade e das comarcas do Salnés e Deza están a participar nesta iniciativa solidaria  

David Amor, padriño da Gran Recollida do Banco de Alimentos, no supermercado Froiz da avenida de Vigo
David Amor, padriño da Gran Recollida do Banco de Alimentos, no supermercado Froiz da avenida de Vigo / Banco de Alimentos

O Banco de Alimentos comezou este venres a súa Gran Recollida Solidaria 2018 cun padriño de exceoción en Pontevedra, o humorista David Amor, que acompañou aos voluntarios que se sumaron ao a iniciativa altruísta no supermercado Froiz da avenida de Vigo e mostrou a súa satisfacción pola boa acollida dos clientes do local.

"Ver tanta solidariedade significa que segue habendo xente boa, con ganas de cambiar as cousas", sinalou o actor, humorista e deportista, que compartiu quenda como voluntario con alumnos do colexio SEK de Pontevedra e destacou, en relación coas doazóns recibidas, que "isto non é unha esmola, isto é unha axuda para que as persoas saian a diante".

O obxectivo tanto de Amor como do Banco de Alimentos é superar os 325.000 quilos de comida recollidos durante a pasada edición, coa presentadora de televisión Carlota Corredera como madriña. En Pontevedra, o reto é alcanzar os 165.000 quilos de alimentos durante estes dous días, venres e sábado. 

A ONG lembra que, aínda que calquera produto non perecedoiro é benvido, hai cinco esenciais á hora de doar: leite, galletas, cacao, aceite e todo tipo de conservas. Sobre as conservas, son perfectas os legumes e os vexetais que veñen en tarro de cristal, xa que veñen elaboradas e é probable que as persoas que reciben axuda non teña recursos pola pobreza enerxética.

Medio centenar de hipermercados e supermercados de Pontevedra cidade, así como das comarcas do Salnés e Deza están a participar nesta iniciativa solidaria que, de maneira simultánea, está a levarse a cabo en centos de localidades españolas. En concreto, recolleranse alimentos en Pontevedra cidade, Sanxenxo, Marín, Arcade, Lalín e Vilagarcía. 

Na actualidade, o almacén do Banco de Alimentos en Pontevedra reparte comida entre 32 entidades homologadas e, a través das cales, chega a unhas 5.000 persoas con dificultades na súa zona de actuación. 

A ONG, creada en Vigo hai 23 anos, repartiu en Pontevedra e comarca durante 2017, uns 270.000 quilos de alimentos, un 20% máis que o ano anterior. Esta cifra forma parte dos 1,9 millóns de quilos de alimentos contabilizados e entregados en toda a provincia.