David Castro, alcalde de Ribadumia, volve ao PP para ser candidato nas municipais

Umia
24 de febreiro 2023

Luis López, presidente provincial do PP, amosa a súa satisfacción pola integración dos independentes, que en moitos casos xa pertenceran á agrupación popular. Destaca “o traballo e a xenerosidade de todos” para recuperar a persoas do centro-dereita en torno a un proxecto común

David Castro exercendo como alcalde durante un pleno de Ribadumia
David Castro exercendo como alcalde durante un pleno de Ribadumia / Concello de Ribadumia - Arquivo

David Castro gañou as anteriores eleccións municipais con maioría absoluta ao presentarse á fronte da lista de Independentes de Ribadumia. A falta de tres meses para a nova cita coas urnas o actual alcalde decidiu regresar ao Partido Popular, agrupación na que militara durante anos e coa que foi concelleiro no mandato de 1999.

Agora, Castro figurará como o candidato do PP á alcaldía nos comicios do próximo 28 de maio.

Luís López, presidente provincial do PP, e David Castro anunciaban este venres a decisión. Segundo explicaba López a decisión xurdiu nas últimas semanas dunha forma natural con motivo do cambio de ciclo político. Sinalan que esta opción é a mellor para afrontar esta nova etapa "xuntos somos máis fortes e tamén é a mellor solución de futuro para Ribadumia", afirma o presidente provincial dos populares.

Tamén destacou o traballo e a xenerosidade de todos os independentes para incorporarse ao PP, cando moitos deles xa formaran parte deste partido. Luís López avoga por acoller a todas as persoas do centro-dereita "para seguir conformando un proxecto político coa maior base e respaldo social posible". 

David Castro amosou a súa satisfacción "por sumar e aglutinar as forzas dos dous partidos e por volver ao Partido Popular e a un proxecto político co que sentimos plenamente identificados", apuntou sinalando que o traballo desenvolvido durante este mandato terá continuidade.

Asegura que a decisión non é "estraña e entra dentro da absoluta normalidade porque a práctica totalidade dos que conformamos independentes de Ribadumia fomos integrantes do PP durante moitos anos", engadiu David Castro indicando que no novo marco político as principais forzas teñen máis peso.