De algas, mexillóns, berberechos… Portonovo rende homenaxe á empanada mariñeira

Sanxenxo
11 de setembro 2024

A festa terá lugar este sábado e domingo nas instalacións da lonxa cunha variada programación de actividades

Presentación da VI Festa da Empanada Mariñeira Concello de Sanxenxo

Portonovo rende homenaxe esta fin de semana aos produtos do mar coa VI Festa da Empanada Mariñeira. 

A cita está organizada un ano máis polo Club de Piragüismo de Portonovo e a Confraría de Pescadores San Roque en colaboración co Concello de Sanxenxo e celebrarase na lonxa. 

Un total de 20 recheos diferentes que van desde as algas de Cangas ata os berberechos de Carril ou, a novidade desta edición, o Timbal de Praiolo do Grove poderán degustarse a prezos populares e acompañados de ata seis marcas de viño diferentes.

O presidente do Club de Piragüismo de Portonovo, Alberto Rodríguez, e o concelleiro de Deportes, Marcos Guisasola, acompañados dos edís de Turismo, Juan Deza, e de Facenda, Paula Martínez, presentaron este mércores a cita na sala de poxas da lonxa.

A apertura dos postos de degustación realizarase o sábado,14, ás a partir das 12:15 horas, e será ás 13 horas cando se realice a inauguración coas autoridades. Ás 13:15 horas, haberá unha demostración de cociña en directo de Millo Corvo. 

Xa pola tarde, ás 17 horas, celebrarase o concurso familiar "Pequeempanada" para nenos de 5 a 12 anos, acompañado dun adulto, e impartido por Rocío Garrido. Ás 20:30 horas, haberá unha actuación musical do grupo M80 e ás 23:30 horas procederase ao peche das instalacións.

O domingo, 15, abriranse as instalacións a partir das 12 horas. Media hora máis tarde realizarase unha Maridaxe de Empanada Mariñeira con viños galegos.

Pola tarde, ás 18 horas, terá lugar o VI Concurso da Empanada Mariñeira no que se sortearán entre as tres mellores empanadas unha estancia de dúas noites nun hotel de Sanxenxo, unha cea para dúas persoas no restaurante O Pescador e dous accesos a un spa nun hotel de Sanxenxo. A todos os participantes entregaráselles un vale para unha ración de empanada e bebida. A inscrición será gratuíta e o requisito é elaborar unha empanada con produtos co selo Peixarías. Poderase realizar de trigo, millo ou en timbal cun peso mínimo de 1 quilogramo.

A partir das 19:30 horas, estrearase "Portonovo tamén canta", unha homenaxe ao artista local Manuel Uhía e a interpretación do himno de Portonovo "Os meus amores" por todos os asistentes. Ao longo destes dous días, o recinto da festa contará con dúas exposicións, unha de Ollares de Portonovo sobre Embarcacións Tradicionais e outra sobre aparellos de pesca.