"De momento, decisión ningunha, nós a esperar" di a empresa Lozano sobre a suspensión da feira taurina

Pontevedra
12 de abril 2020

Se a normativa vixente nese momento o permitise, a intención da empresa taurina para este ano excepcional, é a de manter o festexo do 9 de agosto. A Coordinadora de Peñas doa os seus fondos ao Banco de Alimentos

Praza de touros de Pontevedra
Praza de touros de Pontevedra / Diego Torrado

"De momento, decisión ningunha, nós a esperar" é a máxima na que está a empresa Plazas y Toros que xestiona o coso pontevedrés de San Roque. Como calquera evento cultural en vivo que congregue público, este sector atópase parado e pendente da evolución da pandemia do coronavirus e as decisións gobernamentais que se vaian tomando en todos os ámbitos.

Se chegado o mes de agosto e as circunstancias que vaia determinando o Goberno fixesen viable a celebración de espectáculos taurinos, a intención da empresa, como sinala Eduardo Lozano é sacar adiante o festexo do domingo da Peregrina, que nesta ocasión sería o nove de agosto.

Trátase dunhas datas que en condicións normais estarían repletas de feiras e festexos taurinos, xa que ese mes xunto ao de setembro, concentran o maior número de espectáculos taurinos. Nestes casos as suspensións ou elevada posibilidade de suspensións, a priori, aínda contarían cunha marxe de manobra sobre a evolución sanitaria e tamén a económica, derivada da primeira.

Neste contexto, a afección pontevedresa "estamos ao que o Goberno permita. O noso desexo é que a situación, hoxe mellor que mañá, fose cero falecidos e cero contaxios. Se no mes de agosto hai permiso, cada cal é libre de ir ou non", indica Juan Riveiro, presidente da Coordinadora de Peñas Taurinas de PontevedraEsta Coordinadora que aglutina a máis corenta penas taurinas acordou a doazón de todos os seus fondos económicos ao Banco de Alimentos de Pontevedra.

Entre o sector taurino están a ser múltiples as iniciativas activadas para paliar a crise sanitaria e económica provocada polo COVID19. Froito da colaboración entre a Asociación de Organizadores de Espectáculos Taurinos, a Sociedade de Cirurxía Taurina e a FEMP púxose ao dispor de Sanidade o aparataje e material sanitario de prazas de touros.

Destros como Álvaro Lorenzo - ben coñecido pola afección local -, ou Román Collado recadan fondos para hospitais e residencias; 'El Juli' sumouse á iniciativa de Nadal e Gasol #NuestraMejorVictoria e Cruz Vermella Responde. Sastrerías taurinas reutilizan o seu material para elaborar material de protección sanitaria, que tamén se doou desde o ámbito gandeiro e empresarial. O mesmo ocorre entre asociacións taurinas que deron os seus recursos materiais e económicos para fins sanitarios e sociais.