De Pontevedra aos Campos Elíseos para celebrar o 14 de xullo

Pontevedra
14 de xullo 2019

A Brilat enviou a 100 militares a Francia como resultado da boa sintonía lograda na súa última misión en Mali. Dous alumnos da Escola Naval de Marín tamén se desprazaron como resultado do programa de intercambio que mantén coa École Navale da Marine Nationale 

Bandeira de España durante o desfile do 14 de xullo polos Campos Elíseos
Bandeira de España durante o desfile do 14 de xullo polos Campos Elíseos / Ministère des Armées (Ministerio de Defensa francés)

A Brilat encabezou este domingo a delegación dun total de 128 militares españois convidados por Francia a participar no acto central do seu Día da Festa Nacional, o desfile militar que cada 14 de xullo percorre os Campos Elíseos de París. 

A Brigada Galicia VII enviou a Francia para este labor a 100 militares das bases General Morillo de Pontevedra e Cabo Noval en Asturias como resposta a unha invitación directa de Francia como resultado da última misión de adestramento da Unión Europea en Malí, EUTM-Malí, na que participou a Brigada pontevedresa como parte dunha forza multinacional na que tamén está integrada Francia. 

A relación xurdida desa misión de seis meses en Mali derivou na invitación para estar no desfile do 14 de xullo. Os soldados xa se desprazaron ata a capital francesa hai unha semana, o pasado domingo 7 de xullo, e realizaron ensaios na famosa avenida parisiense que permitiron que este domingo todo saíse á perfeción

As Forzas Armadas españolas participaron nos actos conmemorativos do Día da Festa Nacional francesa con unidades dos tres exércitos e a Garda Civil. Do Exército de Terra participaron a bandeira con abanderado, un oficial e tres escoltas; unha compañía da Brilat, dous helicópteros HA 'Tigre' e dous helicópteros NH90 das Forzas Aeromóbiles do Exército de Terra ( FAMET). 

A presenza pontevedresa estivo complementada con dous alumnos da Escola Naval Militar de Marín como resultado do programa de intercambio de alumnos que manteñen a ENM e a École Navale da Marine Nationale de Francia.

Da Armada foron ata París cinco tripulantes da fragata 'Cristóbal Colón' e dous alumnos de Marín. Ademais, estiveron un avión 'Eurofighter' e un avión KC130 do Exército do Aire e compoñentes da Unidade de Acción Rural da Garda Civil. En total, 128 militares españois nunha delegación encabezada pola ministra de Defensa, Margarita Robles.