De Vacas, Touriñán, Luis Emilio Batallán e Queimán e Pousa encabezan o programa da 51 Festa do Carneiro ao Espeto

Umia
05 de xullo 2020

O Concello de Moraña vén de presentar a programación completa da 51 Festa do Carneiro ao Espeto, que contará cun total de 22 actividades culturais, sociais, gastronómicas e deportivas baixo o formato de protocolo sanitario seguro durante as tres vindeiras semanas 

Presentación da 51 Festa do Carneiro ao Espeto Concello de Moraña

O Concello de Moraña vén de presentar a programación completa da 51 Festa do Carneiro ao Espeto, que contará cun total de 22 actividades culturais, sociais, gastronómicas e deportivas baixo o formato de protocolo sanitario seguro durante as tres vindeiras semanas e na que destacan os espectáculos de De Vacas, Luis Emilio Batallán, Touriñán e Queimán e Pousa.

A alcaldesa, Luisa Piñeiro, acompañada dos concelleiros José Cela, Norma Caldas e María José García, presentou esta sábado todas as iniciativas na rotonda da PO-226 xunto á mítica escultura de pedra do asado dos carneiros e amosou a súa satisfacción por "sacar adiante un programa tan completo nun ano tan complicado, pero que cremos que pode axudar a recuperar a nosa vida económica e social dun xeito seguro e a manter tanto a tradición do Carneiro ao Espeto como a súa importancia identitaria e promocional do noso Concello".

A programación arrancará a próxima fin de semana, o venres 10, coa actuación de Rogelia dos Outeiros e, xa o sábado 11, chegará unha das grandes citas coa novena edición de 'Espétalle un Pincho', que este ano cambia de formato e comezará cun showcooking limitado a 30 persoas con inscrición previa na Carballeira de Santa Lucía da man do cociñeiro Miguel Mosteiro. Posteriormente, xa dende as 21.00 horas, no mesmo emprazamento, haberá degustación de petiscos a cargo dos establecementos A Adega, Casa Varela, O Congo, Vi Sports e O Xavique xunto ao propio chef.

Xa na seguinte semana, haberá xogos multiaventura e a actividade 'En busca do Carneiro perdido' para a mocidade, teatro coa peza 'A Casa de Bernarda Alba' e a novidosa Ruta dos Artistas, que se desenvolverá o sábado 18 dende as 11.00 horas na senda biosaudable de Portamós coa participación de vinte creadores locais. A continuación, a programación continuará consecutivamente cun concerto de acordeóns, o Mago Román, exhibición de pump-track, teatro infantil e cine na rúa para dar paso, xa o venres 24 nas vésperas da festa, á proxección do documental 'O segredo da Festa do Carneiro' e o concerto de De Vacas na explanada anexa ao Multiusos.

O sábado 25 haberá un espectáculo de Novo Circo e os concertos de Píscore e de Luis Emilio Batallán. O día grande da cita gastronómica, que estará animado pola charanga Os Encerellados, espertarase co espectáculo de humor de Xosé Antonio Touriñán ás 12.30 horas que, como o resto, esixirá da retirada de entrada gratuíta previamente na Casa da Cultura, antes da recollida dos lotes de Carneiro ao Espeto para xantar nos domicilios. Será dende as 13.30 horas e nesta ocasión muda o seu emprazamento habitual pola explanada anexa ao Multiusos para favorecer a seguridade sanitaria. A xornada rematará, dende o serán, coa dobre actuación de Galifunk Brass e de Queimán e Pousa coa súa peza 'Amantes da Terra'.