Decembro, mes de campañas de apoio ao turismo, comercio e produto local na Deputación

Pontevedra
24 de novembro 2020

As xornadas Turistic e 'Reinventar o presente', a campaña 'Agora máis que nunca non perdamos a proximidade' e unha acción promocional do produto local son as catro propostas que vai levar adiante a Deputación e que pretenden servir de apoio ao sector turístico, ao comercio e produto de proximidade

Hoteis de Sanxenxo
Hoteis de Sanxenxo / Diego Torrado

A terceira xornada Turistic, a xornada 'Reinventar o presente', a campaña 'Agora máis que nunca non perdamos a proximidade' e unha acción promocional do produto local son as catro propostas que daba a coñecer a presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva, para desenvolver o próximo decembro e que pretenden servir de apoio ao sector turístico, o comercio de proximidade e o produto local.

Turistic desenvolverase o 2 de decembro, telemáticamente a través da plataforma en liña Streamyard. Unha iniciativa que ten aberta a posibilidade de inscribirse e na que tomarán parte “grandes profesionais do turismo y na que se abordará o uso e aplicación das TIC no ámbito turístico”.

Os días 17 e 18 de decembro en colaboración con Clúster de Turismo, tamén con ferramentas telemáticas, está prevista 'Reinventar o presente', que analizará as oportunidades do turismo na era dixital a curto prazo e de adaptarse a tempos de incerteza. Tres eixos temáticos iranse desenvolvendo nestes dous días: visións de actores públicos e privados centrados en turismo en tempos de covid; talento dixital no novo turismo; e "economía do dato", tanto para os destinos como para as empresas turísticas.

No que refire ao comercio de proximidade e o produto local, a campaña 'Agora máis que nunca non perdamos a proximidade' quere "animar á cidadanía para comprar en tendas locais e de proximidade, nas prazas e mercados das nosas vilas, cidades e comarcas; así como consumir produto de tempada das nosas produtoras e produtores", dixo Carmela Silva. 

Finalmente, para Nadal lánzase unha acción promocional de "apoio ao produto local pero centrada nas mulleres, na produtoras, segundo a liña iniciada o ano pasado con Elas son as forza do Nadal".