A decisión de Bruxelas sobre a AP-9 "é unha excelente oportunidade para acometer xa, agora sí, ese rescate"

Pontevedra
18 de xullo 2025
Actualizado: 9:57

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue pídelle ao Goberno de España "que sexa valente e rescate dunha vez á AP-9"

Alfonso Rueda e María Martínez Allegue á saída do Consello da Xunta
Alfonso Rueda e María Martínez Allegue á saída do Consello da Xunta / Xunta de Galicia

A Comisión Europea deu un novo ultimato ao Goberno de España para que enmiende as irregularidades polas que foron prorrogadas as concesións das peaxes nas autoestradas AP-66 e AP-9.

Segundo Bruxelas, vulneran as regras da Unión Europea en materia de contratación pública e de concesión de autoestradas; un asunto que de non resolverse no prazo de dous meses os servizos comunitarios poderán elevar ao Tribunal de Xustiza da UE (TJUE).

O Ministerio de Transportes asegurou que este ditame da Comisión Europea "non supón o final do procedemento nin a eliminación das prórrogas" e sinalou que analizará a resolución e esgotará "as opcións de resposta ademais da posibilidade, chegado o caso, de interpoñer os correspondentes recursos".

Dende Pontevedra, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, asegurou que na Xunta de Galicia ven esta decisión de Bruxelas "como unha excelente oportunidade para cometer xa, agora sí, ese rescate".

"Que sexa valente como foi Galicia cando rescatamos este mesmo ano as concesións que tiñan peaxe en sombra das autoestradas galegas", retou a conselleira ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

Martínez Allegue lembrou que a Xunta xa lle trasladou "por varias veces" os estudios económicos para solicitar ese rescate.

"Eses estudios económicos que cuantifican ese rescate en uns 2.400 millones de euros e que cuantifican como equivalente ás bonificacións que está a asumir agora mesmo o goberno central ao remate das concesións", sinalou a conselleira.

Ademáis de valentía a conselleira reclama "transparencia" ao Executivo español  "e que trasfira a Galicia o que lle estamos a solicitar" porque "é a nosa infraestrutura que vertebra a nosa comunidade autónoma" e tamén insta a "que deixe de engordar as arcas da concesionaria e de menguar os petos dos usuarios".

Por último, María Martínez Allegue reiterou a solicitude dunha reunión co ministro.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora