A campaña da renda, posta en marcha dende o 8 de abril, poderá presentarse ata o 30 de xuño de 2026.
No caso de que o resultado sexa a pagar e a persoa declarante queira domiciliar no banco, o prazo redúcese até o 25 de xuño.
Non existen diferenzas no prazo segundo a forma de presentación: xa sexa por internet, por teléfono ou de forma presencial, o período é o mesmo.
As datas si cambian para pedir cita, especialmente en atención telefónica ou en oficinas, onde os prazos poden ser máis limitados e organizados pola Axencia Tributaria.
- Novidades importantes da declaración deste ano
A declaración incorpora varios cambios relevantes que afectan a diferentes grupos de contribuíntes.
Por unha banda, introdúcese unha nova dedución para traballadores con ingresos de entre 16.576 e 18.276 euros, co obxectivo de evitar a carga fiscal en determinados casos.
Tamén se actualizaron algúns tramos de tributación, especialmente para rendas moi altas, que verán un lixeiro incremento no tipo aplicado a grandes ganancias.
Outra novidade importante é que algunhas axudas públicas quedan exentas de tributación, como as destinadas a persoas afectadas por incendios forestais ou outras situacións de emerxencia.
En Galicia, tamén se mantén e reforza unha dedución autonómica, coa presentación das facturas, relacionada coa compra de libros de texto e material escolar, pensada para axudar as familias con fillos en idade escolar.
- A importancia das deducións
As deducións seguen sendo un dos puntos clave, as familias poden beneficiarse de axudas por fillos, nacemento, coidado de menores ou familia numerosa, tanto a nivel estatal como autonómico, así o afirman desde Diana Fontán Asesora.
En canto á mocidade, existen axudas concretas, como a dedución por aluguer para menores de 35 anos, sempre que se cumpran requisitos de ingresos e condicións establecidas.
- Erros máis frecuentes ao facer a renda
Segundo comentan os expertos, un dos problemas máis habituais é pensar que se os ingresos son baixos non é necesario prestar atención á declaración.
Desde a aplicación do límite de 22.000 euros para a obrigación a declarar, a interpretación errónea de "se non paso de 22.000 euros non pago impostos" é frecuente, sinalan desde a Xestoría Asesoría Vidal
É común crer que ter varios pagadores implica pagar máis impostos, o cal é incorrecto.
En realidade, o máis importante é entender que "tributamos en función do total das nosas rendas, pola suma destas, non polo número de fontes de ingresos", subliña a xestoría.
Outro fallo frecuente é aceptar directamente o borrador sen revisalo, o que pode provocar que se perdan deducións ou que falten datos importantes.
É importante revisar ingresos, situación familiar, vivenda e beneficios fiscais. "Hai datos que non aparecen automaticamente e que o contribuínte debe incluír", advirten.

- Máis control sobre os ingresos
Cada vez é máis importante declarar correctamente os ingresos obtidos a través de internet, con plataformas como Airbnb, que están obrigadas a declarar á AEAT os ingresos dos propietarios.
Estas plataformas xa informan a Facenda en moitos casos, o que facilita o control destes ingresos.
O mesmo ocorre coas criptomoedas, que se consideran activos patrimoniais; as operacións con elas deben declararse tanto cando hai ganancias como perdas.
Tamén se aplica a distintas axudas públicas, como o Bono Peixe, ou por exemplo ás vendas por Wallapop, que teñen a obriga de informar a Facenda cando un usuario realiza máis de 30 vendas ao ano ou supera os 2.000 euros anuais en vendas.
- Consellos
O principal consello dos expertos é non ter medo á declaración da renda e revisar ben toda a información antes de presentala.
Tamén se recomenda pedir axuda profesional cando haxa dúbidas, xa que cada situación persoal pode afectar o resultado final.
Aínda que é un trámite que moitos ven complicado, "entender o que se está facendo é a mellor forma de evitar erros" afirma a asesoría.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.