Decretan a suspensión dos mercados de venda ambulante e pechan os parques infantís do municipio

Pontevedra
13 de marzo 2020

A decisión municipal acóllese á resolución da Xunta para suspender a celebración de actividades colectivas ao aire libre que concentren a máis de 1.000 persoas. Deste xeito, non haberá mercados de venda ambulante na Xunqueira e en Estribela. Por outra banda, os 57 parques de xogo infantil do municipio tamén quedarán clausurados ata nova orde

O concelleiro Iván Puentes no parque infantil de Campolongo
O concelleiro Iván Puentes no parque infantil de Campolongo / Concello de Pontevedra

O goberno local de Pontevedra decidiu acollerse, nas últimas horas, á resolución da Xunta de Galicia na que se establece a suspensión de actividades colectivas ao aire libre que concentren a máis de 1.000 persoas para suspender os dous mercados ambulantes que se realizan semanalmente no municipio de Pontevedra.

Desde a concellería de Mercados adóptase esta medida co obxectivo de garantir a seguridade tanto de vendedores como de usuarios destes mercadillos e tamén dos traballadores municipais que asisten a estas actividades.

Por tanto, este sábado 14 de marzo xa non haberá mercado de venda ambulante na Rúa Rafael Areses, na contorna ao Pazo da Cultura, nin o vindeiro mércores celebrarase o mercado de Estribela. A suspensión será por prazo indefinido.

O Concello de Pontevedra con esta decisión quere atender ás recomendacións da Organización Mundial da Saúde e do Ministerio de Sanidade ante a emerxencia de saúde pública causada polo patóxeno COVID-19.

Para calquera consulta sobre esta suspensión, as persoas interesadas poden poñerse en contacto co Concello a través do teléfono 986 804 300 - EXT: 7433 ou EXT: 7434

PECHE DE PARQUES INFANTÍS 

Tamén desde a concellería de Iván Puentes, encargado do Servizo Municipal de Parques e Xardíns, adoptouse a decisión de decretar o peche das 57 áreas de xogo infantil do municipio como medida preventiva de contaxio do coronavirus.

A prohibición farase efectiva a través dun bando da alcaldía e afectará a todos os espazos tanto do centro urbano como os situados nas parroquias. Van instalarse carteis alertando da prohibición de usar estes recintos.

Esta medida manterase en vigor de maneira indefinida ata que se supere esta situación de infección do COVID-19.