Dedican unha avenida a Pontevedra na cidade portuguesa de Penafiel

Pontevedra
28 de agosto 2014

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Carlota Román, participa no Día de Pontevedra dentro da 35 Feira Agrícola Vale de Sousa (Agrival), que se vai celebrar durante os días 29 e 30 de agosto na localidade portuguesa de Penafiel.

Visita do primeiro ministro portugués, Pedro Passos Coelho, á Feira Agrival
Visita do primeiro ministro portugués, Pedro Passos Coelho, á Feira Agrival

Pontevedra conta con protagonismo dentro da Feria Agrival que se celebra durante 8 días no Pavillón de Feiras e Exposicións de Penafiel e é un dos eventos destas características máis importantes de Portugal. Foi visitada na súa inauguración polo primeiro ministro portugués, Pedro Passos Coelho e dispón dunha superficie expositiva de máis de 24.000 metros cadrados, dedicados a exhibición agrícola e a actividades gastronómicas, turísticas e artesanais.

Un dos actos máis celebrados durante os últimos anos é o Día de Galicia, que nesta ocasión ten como convidado á cidade de Pontevedra. Por este motivo, a cidade conta cun posto propio no que se informa sobre os seus recursos turísticos. A celebración terá como punto culminante a estrea da denominación de Avenida de Pontevedra nunha das rúas da localidade lusa.

Os actos dedicados a Pontevedra comezarán o venres, día 29, cunha visita á feira e a participación na cea que ofrece o presidente da Cámara Municipal de Penafiel, Antonino de Sousa. O sábado 30 está organizada unha sesión de honras na sede municipal, con visita ao Museo e á feira.

A concelleira de Promoción Económica e Turística, Carlota Román, asiste á feira coa intención de fomentar a visita de cidadáns do país veciño á cidade do Lérez.