Defensa oferta 3.500 prazas para alistarse nas Forzas Armadas como militar de tropa e mariñeiría

Pontevedra
01 de setembro 2020

A base da Brilat en Figueirido dispón de 79 vacantes, mentres que a Armada convoca 108 prazas para os seus buques e unidades de Ferrol, Tui, Marín, San Sebastián ou Bilbao

O Ministerio de Defensa oferta 3.500 prazas para ingresar nas Forzas Armadas
O Ministerio de Defensa oferta 3.500 prazas para ingresar nas Forzas Armadas / Subdelegación de Defensa en Pontevedra

O Ministerio de Defensa convoca un segundo ciclo de selección para o ingreso como militar na escala de tropa e mariñeiría das Forzas Armadas. Esta nova convocatoria, de 3.500 prazas, ofértanse 2.375 prazas para o Exército de Terra, 525 para a Armada e 600 para o Exército do Aire.

Do total de vacantes dispoñibles, en Galicia e zonas próximas do Exército de Terra para as unidades da Brigada de Infantería Ligueira Galicia VII ( Brilat) ofértanse 79 postos para a base de Figueirido e 55 para a asturiana de Siero. A Armada convoca 108 prazas para buques e unidades da zona norte (Ferrol, Tui, Marín, San Sebastián, Bilbao). Mentres que o Exército do Aire convoca 18 prazas das cales 2 son para o Aeródromo Militar de Santiago e 16 para a Academia Básica do Aire en Valverde de la Virgen (León).

O sistema de selección que xa está aberto na área de recrutamento da Subdelegación de Defensa de Pontevedra é o de concurso oposición. Os requisitos para poder presentarse ao exame pasan por cumprir os 18 anos e non superar os 29, carecer de antecedentes penais e non ter aberto ningún procedemento xudicial por delito doloso, ademais de estar en posesión de, como mínimo, o título de graduado en Educación Secundaria Obrigatoria.

Para participar no proceso selectivo é necesario solicitar cita previa entre o 1 e o 14 de setembro, unha solicitude que pode realizarse de forma presencial ou por correo electrónico.