Demandan a constitución do Servizo de Normalización Lingüística de Marín

Marín
19 de maio 2021

O BNG denuncia o incumprimento por parte do goberno local do Partido Popular do acordo plenario acadado por unanimidade hai un ano para crear este servizo

Lucía Santos, portavoz municipal do BNG, aféalle a María Ramallo, alcaldesa de Marín, que non se creara o Servizo de Normalización Lingüística no municipio, tal e como se acordou nun pleno por unanimidade hai un ano e como se recolle na ordenanza de Normalización Lingüística do Concello.

A representante nacionalista lembra que a saúde do idioma galego está nunha situación crítica en todo o país, cunha "aceleradísima" perda de falantes e cun claro retroceso entre os menores.

Acusa desta situación á "política lingüicida" por parte do goberno de Núñez Feijóo e tamén culpa ao goberno de María Ramallo ao afirmar que desde o  Concello non se realiza unha soa actividade de promoción e fomento do galego.

Por este motivo, desde o BNG solicitan o cumprimento do acordo plenario para a creación do Servizo de Normalización Lingüística e para que o goberno local adopte medidas que fomenten o uso da lingua de Galicia.