Demandan máscaras de protección FFP2 ou FFP3 para os profesionais sanitarios de Pontevedra-O Salnés

Pontevedra
08 de outubro 2020

Desde o sindicato UGT Sanidade sinalan que, segundo a lexislación actual, as máscaras cirúrxicas non son consideradas nin clasificadas como Equipo de Protección Individual (EPI) e entenden que non proporcionan a protección respiratoria do persoal sanitario nos centros hospitalarios públicos

Hospital do Salnés
Hospital do Salnés / PontevedraViva

O sindicato UXT-Sanidade reclama á Consellería de  Sanidade que se proporcionen máscaras FPP2 ou FPP3 ao persoal sanitario que traballa nos centros hospitalarios de Pontevedra e O Salnés. 

Esta central sindical trasladou esta petición en varias ocasións á  Xerencia por escrito sen que se adoptase ningunha medida. Afirman que, segundo a lexislación actual, as máscaras cirúrxicas non se atopan clasificadas como Equipos de Protección Individual (EPI) e, por tanto, non ofrecen garantías de protección respiratoria para o persoal.

Afirman que aos profesionais sanitarios do Servizo de Urxencias lles resulta imposible gardar as distancias mínimas de seguridade respecto a pacientes asintomáticos portadores de covid-19 que acoden aos centros hospitalarios con diversas patoloxías e tampouco se atopan con protección suficiente utilizando máscaras cirúrxicas.

Reclaman tamén unha nova avaliación de riscos laborais, que inclúa un estudo específico de avaliación do sistema de ventilación e calefacción, onde se indique se existe  recirculación do sistema de aire e se se empregan en tomas de aspiración e expulsión  filtros  HEPA efectivos na loita contra o coronavirus.