"Dende agora aquí me tedes, o mesmo Agustín de sempre a vosa absoluta disposición"

Pontevedra
20 de xuño 2023

Agustín Reguera tomou posesión este martes como delegado territorial da Xunta en Pontevedra nun acto celebrado no Edificio Administrativo de Campolongo e que estivo presidido polo titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, acompañado do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo

Toma de posesión de Agustín Reguera como delegado territorial da Xunta Mónica Patxot

Agustín Reguera tomou posesión este martes como delegado territorial da Xunta en Pontevedra nun acto celebrado no Edificio Administrativo de Campolongo e que estivo presidido polo titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, acompañado do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo.

O acto foi tamén a despedida de Luís López ‘Lugués’, recentemente cesado como delegado territorial "despois de 28 meses de traxectoria" e máis de 1.300 actos públicos. Lugués deixa a Delegación territorial para presidir a Deputación de Pontevedra. "Quedades nas mellores mans", afirmou en referencia a Agustín Reguera pola súa "bondade, proximidade, comprensión e excelente trato directo que ten. Pontevedra non pode ter mellor delegado territorial".

Numerosos alcaldes, dos 47 concellos que conforman esta Delegación territorial, asistiron a este acto no que Alfonso Rueda encomiou o "bo talante e o espírito de traballo" de ambos, agradecéndolles a súa "dedicación, profesionalidade e dispoñibilidade". 

O nomeamento de Agustín Reguera supón un recoñecemento a unha traxectoria de 28 anos como alcalde de Soutomaior despois de perder o bastón de mando nas pasadas eleccións municipais. "Ímosvolo a pedir prestado un tempiño máis, loxicamente vén aquí porque el quere, pedíuselle e el dixo que estaba disposto a seguir traballando", chanceou o presidente da Xunta cos fillos do novo delegado territorial presentes neste acto.

Rueda dixo do novo delegado que é "unha persoa dialogante, conciliadora, con coñecemento e con rigor" e destacou a súa "vocación de servizo público" que lle fai atesourar "moitísima experiencia para achegar en positivo".

Pola súa banda, Agustín Reguera agradeceu a "confianza" depositada nel para asumir este cargo, "espero estar á altura", manifestou. "Chego como moito entusiasmo, un pouco de experiencia e a máxima humildade, para entender e tentar axudar aos 47 concellos da nosa área de influencia", apuntou.

"Desde agora aquí me tedes, o mesmo Agustín de sempre á vosa absoluta disposición", asegurou o delegado territorial.