Denunciada por estacionar repetidamente usando a tarxeta para persoas con mobilidade reducida do seu fillo

Pontevedra
23 de xuño 2014

A colaboración cidadá permite á Policía Local seguir a pista da condutora. Este tipo de denuncias representan un 2,8% das realizadas na cidade. En 2013 rexistráronse 385 casos

Axentes da Policía Local de Pontevedra
Axentes da Policía Local de Pontevedra / Mónica Patxot

A Policía Local está a extremar o control nos últimos meses sobre as prazas de aparcadoiro destinadas a persoas con mobilidade reducida na cidade.

A pesar do complicado de probar un mal uso das tarxetas que permiten estacionar nestas prazas, a colaboración cidadá está a posibilitar manter a presión sobre os infractores.

Deste modo, coa axuda dos veciños, os axentes municipais puideron denunciar a unha condutora que usaba repetidamente a tarxeta para persoas con discapacidade do seu fillo.

Unha vez comprobado que o vehículo en cuestión aparcaba habitualmente nunha destas prazas na praza Valentín García Escudero, sempre ás mesmas horas, a Policía Local procedeu a realizar un seguimento.

O estado da tarxeta que permitía o estacionamento apenas permitía comprobar a súa validez e o seu número de autorización e tras realizar seguir ao automóbil os días 10, 11 e 12 de xuño os axentes observaron que a muller denunciada conducía sempre soa cara ao seu domicilio fóra da cidade.

Segundo informa a Policía Municipal, o día 13 deron o alto á condutora, de 42 anos, e unha vez constatados os feitos procederon á tramitación de denuncias de tráfico por uso indebido da tarxeta de estacionamento para persoas con mobilidade reducida os días 10, 11, 12 e 13 do presente mes.

Ademais deuse parte á autoridade que xestiona estes permisos para proceder á apertura do expediente correspondente, que pode derivar na retirada da tarxeta.

A pesar dos últimos casos rexistrados a Policía Local mantén que o respecto e solidariedade da cidadanía de Pontevedra cara a estas zonas de aparcadoiro é elevado.

As denuncias por estacionar en prazas reservadas para persoas con discapacidade representan actualmente o 2,8% do total de denuncias, 385 casos das 13.710 rexistradas en 2013.