Denuncian a Deputación pola "destrución intencionada" dunha colonia de cría do cirrio común nas ruínas de San Domingos

Pontevedra
21 de maio 2015

Segundo informou SEO Birdlife nun comunicado de prensa estes traballos están a causar "un gran prexuízo á especie" xa que o cirrio se encontra "en plena época de aniñamento despois de chegar dunha longa viaxe dende a África subsahariana"

Birrio común
Birrio común / SEO Birdlife

A Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO Birdlife) denunciou á Deputación de Pontevedra pola "destrución intencionada" dunha colonia de cría do cirrio común, durante as obras de rehabilitación das ruínas de Santo Domingo.

Segundo informou SEO Birdlife estes traballos están a causar "un gran prexuízo á especie" xa que o birrio se encontra "en plena época de aniñamento despois de chegar dunha longa viaxe dende a África subsahariana".

Durante estes días estase a retirar a estada que cubría a fachada das ruínas de Santo Domingo que afrontan deste modo a etapa final das obras despois de meses de longa tramitación administrativa dos oportunos permisos e autorizacións.

Precisamente para os ornitólogos o momento do ano elixido é "inadecuado", unha circunstancia da que aseguran, foron advertidos os responsables da Deputación ao inicio da reforma. "Nestas reunións pedimos o aprazamento da execución das obras de restauración para que non interrompesen a cría dos cirrios e propuxemos diversas medidas compensatorias para manter a colonia, como a colocación de niñeiros artificiais, sen ter resposta firme por parte da Deputación Provincial".

Os ornitólogos explican que o cirrio común é unha especie protexida "moi beneficiosa para o ser humano por consumir millóns de insectos" e recalcan que é un animal "que non dana os nosos monumentos, podendo compatiblizarse perfectamente o mantemento do noso patrimonio histórico co noso patrimonio natural, simplemente adoptando unhas sinxelas medidas", afirman.