Denuncian a falta de limpeza dos contedores de lixo en Marín

Marín
07 de novembro 2023

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) expresou a súa preocupación polo estado "lamentable" no que se atopan numerosos contedores de lixo no municipio de Marín, "debido á falta de limpeza por parte da empresa encargada do servizo de recollida de residuos"

Contedor de lixo
Contedor de lixo / PontevedraViva - Arquivo

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) expresou a súa preocupación polo estado "lamentable" no que se atopan numerosos contedores de lixo no municipio de Marín, "debido á falta de limpeza por parte da empresa encargada do servizo de recollida de residuos".

A portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, trasladou á comisión informativa de rural as "constantes queixas da veciñanza de varias parroquias" polo estado inadecuado dos contedores e das zonas circundantes, que se caracterizan por "cheiros desagradables e falta de limpeza debido ao descoido no seu mantemento". 

Ademais, a acumulación de residuos xunto aos contedores durante varios días agrava a situación. 

En resposta a estas preocupacións, a portavoz municipal do Bloque solicitou ao goberno local que poña en marcha unha campaña de concienciación para evitar esta problemática.

O BNG fai un chamamento ao goberno do Partido Popular para que tome as medidas necesarias que eviten esta "sucidade", xa que "non se pode tolerar esta situación de abandono e require acción inmediata por parte do goberno local".