A asociación Vellez Digna denuncia que na residencia Ballesol de Poio só teñen contratadas dúas enfermeiras tituladas. Un número que. ao seu entender, resulta insuficiente para cumprir coa obriga legal de dispoñer deste persoal 24 horas todos os días
O escrito, presentado ante a Inspección de Maiores de Discapacidade e Dependencia, a Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade e a Dirección Xeral de Atención Integral sociosanitaria, organismos dependentes da consellería de Política Social; recolle que a residencia carece de enfermeira a varias horas do día e da noite. As súas funcións asúmenas o persoal xerocultor sen a preparación adecuada e co risco que iso supón para a saúde dos dependentes.
Desde Vellez Digna aseguran ser coñecedores de que tampouco dispoñen de suficiente persoal de limpeza e que iso repercute, aínda máis, nunha mingua real do cociente de persoal de atención directa, xa que ese persoal é quen se encarga tamén da limpeza desatendendo en consecuencia, as súas funcións de atención aos maiores. "Recibimos varias queixas por unha falla de coidados xeneralizada dos residentes", sinalan nun comunicado.
Denuncian que é inadmisible o grao de desatención e abandono que se produce nas residencias ante a inacción e complicidade da consellería de Política Social da Xunta, que segue sen sancionar as residencias por falla de enfermeiras e de persoal xerocultor.