O presidente do comité de empresa de Elnosa, Avelino García, presentaba nas últimas horas unha denuncia na comisaría da Policía Nacional de Pontevedra contra a retirada de pancartas colocadas polos representantes dos traballadores da electroquímica nas rúas Benito Corbal, Oliva e Peregrina.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, manifestara o luns que o Concello non ordenara a retirada desas pancartas e o comité de empresa entende que quen o fixera comete un delito contra a liberdade de expresión e que causa, aos traballadores, un prexuízo económico, que limita o seu dereito para informar a cidadanía de Pontevedra da súa situación laboral.
O comité sinala que as pancartas foron retiradas o sábado 8 de xullo entre as 09.30 e as 10.15 horas, por persoas que "tratan de impedir un dereito constitucional básico", nunha actitude que entenden que atenta contra principios da democracia.
Sinalan que a pancarta que desapareceu de Benito Corbal estaba situada moi preto dunha cámara de vixilancia pertencente ao Concello de Pontevedra e solicitan a colaboración municipal para identificar os autores. Desde a Policía Nacional sinalan que seguirán o procedemento habitual nestes casos solicitando o visionado de todas as cámaras.
Desde o sindicato Comisións Obreiras afírmase que en Pontevedra hai pancartas que permanecen colgadas durante meses.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.