Denuncian ante Costas e a Xunta a plantación realizada por ENCE diante da fábrica

Pontevedra
08 de setembro 2017

A Asociación "Irmandade Illa de Tambo" ven de denunciar ante as Consellerías de Medio Rural, Medio Ambiente, Servizo de Costas e Fomento a plantación realizada pola empresa ENCE na fábrica de Lourizán

Vista da fábrica de Ence
Vista da fábrica de Ence / Mónica Patxot

A Asociación "Irmandade Illa de Tambo" vén de denunciar ante as Consellerías de Medio Rural e Medio Ambiente, o servizo de Costas e Fomento a plantación realizada pola empresa ENCE na fábrica de Lourizán.

Esta asociación alega que a normativa vixente en materia de repoboacións forestais contempla unha serie de distancias a respectar segundo a clasificación do solo e as especies a empregar.

Nas instalacións da empresa Ence en Lourizán, recentemente, procederon a plantación de eucaliptos ao longo duns 250 metros a beira do arcén da autovía PO-11, Pontevedra-Marín, de titularidade do Ministerio de Fomento.

Tendo en conta a clasificación do solo, a distancia esixible con respecto á autovía sería de 10 metros contados dende a aresta superior dende donde remata o arcén lindante, 30 metros ata a edificación máis próxima ou 50 metros por recinto industrial.

"Como non cumpre con ningún dos requisitos", a asociación Irmandade Illa de Tambo presenta unha denuncia contra a empresa de celulosas co obxecto de que proceda á retirada da plantación de eucaliptos e a conseguinte apertura de expediente sancionador.