Denuncian máis de oito dias de agarda para unha cita co médico de saúde en Cuntis

Umia
02 de xullo 2020

O Concello de Cuntis realizou este xoves unha queixa pública á xestión do Servizo Galego de Saúde porque non cubriu as vacacións dun dos tres facultativos do centro de saúde e a situación está a xerar "esperas inasumibles"  

Centro de saúde Espadenal, en Cuntis
Centro de saúde Espadenal, en Cuntis / Concello de Cuntis

O Concello de Cuntis realizou este xoves unha queixa pública á xestión do Servizo Galego de Saúde porque non cubriu as vacacións dun dos tres facultativos do centro de saúde e a situación está a xerar "esperas inasumibles" de máis de oito días para unha cita co médico de familia

O alcalde, Manuel Campos, considera que estes prazos son "absolutamente inasumibles" en calquera servizo de saúde pública digno, pero aínda máis tendo en conta que a situación xerada polo coronavirus xa atrasou multitude de citas e de probas médicas no seu momento.

Manuel Campos fala dunhas situación de "abandono inxustificado e continuado" por parte da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e considera "inaceptable" que a veciñanza de Cuntis teña que continuar sufrindo unha desatención "dende hai anos".

O alcalde atribúe a situación aos "recortes do PP" e denuncia que os profesionais do centro de saúde se ven "sobrecargados" porque hai que sumar os atrasos acumulados durante a pandemia do coronavirus a que agora teñen que cubrir a axenda de traballo dun compañeiro.

Engade que a calidade da atención tamén se ve afectada pola saturación do servizo, "mentres o Sergas mira para outro lado" e alerta de que se a Xunta non toma medidas urxentes e reforza o persoal médico a situación pode empeorar durante o verán.

Ademais, Manuel Campos insiste en que "chove sobre mollado" e que a situación de precariedade e desatención por falta de persoal médico se repite ano tras ano a pesar das denuncias e reclamacións constantes efectuadas dende o Concello e dende a propia cidadanía, que o ano pasado mesmo saíu á rúa para reclamar o servizo de pediatría.