Difusión Felina presentou unha denuncia ante a Policía Nacional ante unha serie de casos de envelenamento de gatos que se estiveron a producir nos últimos días en diferentes zonas da cidade. Citan expresamente os casos do ámbito de Pasarón ou as rúas Fernández Ladreda e Pintor Laxeiro.
O incidente máis grave teríase producido, segundo denuncia esta asociación, na madrugada do pasado mércores 15 de abril. Aseguran que alguén se dedicou a colocar alimento envelenado nunha das colonias de gatos que hai en Pasarón. "Pero non contento con iso, ao día seguinte colleu os catro cadáveres dos gatos, non sabemos se vivos ou mortos e os colgou na varanda da igrexa do Burgo", afirma Carlos Ferrer.
Fartos desta situación, Difusión Felina propúxose descubrir quen foi o autor deste episodio e recordan que envelenar un animal está considerado como unha falta grave ou moi grave de maltrato e as sancións poden ir dos 300 a 15.025 euros.
Na denuncia policial, a asociación fai mención a outros dous casos de envelenamento, un o luns 20 de abril na zona de Fernández Ladreda, onde o gato faleceu cando chegou ao veterinario; e outro na rúa Pintor Laxeiro, onde "alguén se dedicou a sementar polo edificio e zonas lindantes restos do que cremos que pode ser rodenticidas ou mata babosas mesturado con comida húmida", afirman,
Difusión Felina fai un chamamento aos veciños destas tres zonas para que colaboren con eles para descubrir os responsables destes envelenamentos e evitar "que haxa máis mortes inxustas por culpa de catro asasinos que non queren os gatos na zona".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.