Denuncian o "desleixo" das administracións cos petróglifos de Barro

Barro
20 de febreiro 2018

Barro ten inventariados, polo menos, nove petróglifos. E todos eles, segundo o colectivo A Forneiriña, atópanse "acubillados" pola maleza e non poden ser visitados. Así, veñen de presentar unha denuncia ante a Consellería de Cultura ante o "desleixo" polo patrimonio arqueolóxico

Petróglifo de Pedra Mirtada, en Barro
Petróglifo de Pedra Mirtada, en Barro

Barro ten inventariados, polo menos, nove petróglifos. E todos eles, segundo o colectivo A Forneiriña, atópanse "acubillados" pola maleza e non poden ser visitados.

Así, veñen de presentar unha denuncia ante a Consellería de Cultura ante o "desleixo" polo patrimonio arqueolóxico dos titulares do monte no que se atopa e a "irresponsabilidade" das administracións pola falta de posta en valor do mesmo.

A Forneiriña explica que o petróglifo coñecido como Outeiro Codeso volveu a verse ameazado polo lume. Fixéronse desbravados nas inmediacións, deixando sen limpar as pedras con gravados que seguen rodeadas polo toxo e sen sinalización que facilite a súa localización. O outeiro no que están os petróglifos da Pedra Mirtada tamén segue cheo de maleza.

O conxunto de Castro Loureiro, pola súa banda, representa a estación máis salientable de Barro "mais non foi obxecto de ningún tipo de coidado e protección". Traballos forestais levados a cabo na zona supuxeron, denuncian, un "serio risco" para a integridade das laxes e seguen pendentes de sinalización e do desbravado da vexetación que os oculta.

A todo iso súmase, segundo este colectivo, a "falta de implicación" da administración pola supervivencia e conservación do patrimonio arqueolóxico, impedindo a súa difusión.

Esta asociación recorda que é obriga dos concellos salvagardar o patrimonio cultural do seu territorio, polo que instan ao goberno municipal de Barro a que poña fin a esta situación.