Denuncian o mal control dos rastrexadores no seguimento de positivos nas comunidades escolares do Grove

O Salnés
10 de novembro 2020

O goberno local de José Cacabelos sinala que o principal problema de descontrol se está a detectar nos centros educativos, onde os contactos directos de positivos non están a recibir información. Desde o Concello alertan de que os rastrexadores tardan entre cinco e sete dı́as en comunicarse cos contactos e lamentan esta situación de "descontrol"

Rastrexador de casos da covid-19 Ministerio de Defensa

O goberno de José Cacabelos no Concello do Grove denuncia a "deficiente ou nula actuación" dos sistemas de rastrexo e control da Xunta de Galicia durante esta segunda vaga da pandemia da covid-19. 

Desde este municipio alertan de que non existe constancia de que se realicen controis ou seguimentos da  evolución do virus nesta localidade. Unha situación que, segundo indican desde o Concello, agrava aínda máis o problema en relación co alumnado e profesorado dos centros educativos que tiveron contacto estreito con algunha persoa positiva.

Sinalan que os centros educativos comunican calquera incidencia á  Xefatura Territorial de Sanidade de maneira inmediata pero os rastrexadores tardan entre cinco e sete días en comunicarse cos contactos estreitos destes positivos e, en determinados casos segundo denuncian os pais, nunca chega a producirse a comunicación.

"Estas demoras resultan inxustificadas", afirman desde o Concello do Grove, sobre todo porque desde a Consellería iindicaron que os rastrexadores eran "suficientes" pero en ningún momento especificaron o número de persoas que realizan esa tarefa.

Segundo explican, #ante os casos positivos nos centros educativos, Sanidade sinalou que os contactos estreitos deberían permanecer en confinamento durante 14 días, sen asistir ás clases. Unha situación que, para o Concello, contradi o protocolo xa que o confinamento só debería producirse, de forma excepcional, se o estudante non fose sometido a unha  PCR. O protocolo indica, segundo o goberno local, que debe realizarse unha  PCR nos primeiros días e outra no décimo día e, en caso de resultar negativas, o estudante pode reincorporarse e non esperar 14 días confinado.

Como exemplo sinalan que tres dos once estudantes confinados o 29 de outubro debido a un contacto estreito cun positivo detectado o 26 de outubro realizaron a súa primeira PCR o 5 de novembro, dez días máis tarde de que se producise o contacto estreito. Estes tres estudantes recibiron chamadas de tres persoas diferentes cada un; ao primeiro dixéronlle que a proba foi negativa e que, por tanto, o seu illamento xa acababa: Ao segundo díxoselle que o seu illamento terminara, a pesar de non contar cos resultados da proba e ao terceiro tamén se lle indicou que a proba fora negativa, pero que debía manterse en illamento mentres non se realizase unha segunda  PCR. Os outros oito estudantes confinados non recibiron ningún tipo de mensaxe para informarlles sobre os resultados da proba.

O Concello do Grove denuncia o risco e a incerteza que provoca esta situación nos centros educativos e nos familiares. Por este motivo, reclama á Consellería de  Sanidade que asuma a súa responsabilidade e que sigan os protocolos e normas que establecen os seus propios servizos de epidemioloxía e prevención. Lamentan a situación de descontrol actual e piden que se evite a propagación do virus a través dun rastrexo eficaz.