Denuncian o "perigo" para ciclistas e motoristas coa "chapuza" na estrada Pontevedra-Vilagarcía

Pontevedra
16 de xullo 2024

Os socialistas esíxenlle ao Goberno galego que corrixa as deficiencias na reparación do firme e elimine a grava das beiravías

Estrada autonómica PO-531 (Pontevedra-Vilagarcía)
Estrada autonómica PO-531 (Pontevedra-Vilagarcía) / PSOE de Pontevedra

A deputada socialista no Parlamento de Galicia Paloma Castro faise eco das "numerosas queixas" do colectivo de ciclistas e motociclistas polo "perigo para a seguridade viaria" que se está a producir na estrada autonómica PO-531 (Pontevedra-Vilagarcía) "por mor dunhas chapuceiras obras de asfaltado que está a realizar a Consellería de Infraestruturas".

Os traballos, que comezaron hai varias semanas consisten nun "parcheo" cunha capa de asfalto dun grosor "case inapreciable e baixa calidade" que "deixa grandes cantidades de grava nas beiraravías da estrada".

Algunhas das zonas máis afectadas están situadas entre Alba e Campañó, a carón da entrada á cidade de Pontevedra. 

Por outra banda, a deputada lamenta o "chapuceiro asfaltado", pois a capa de mestura bituminosa que se está a aplicar "é tan fina que hai zonas nas que transparentan os pasos de peóns e outras marcas viarias". 

Con todo, Paloma Castro esixe que se corrixa de inmediato a acumulación de grava nas beiravías e recórdalle á conselleira de Infraestruturas que os ciclistas e os motoristas forman parte dos colectivos sensibles nas estradas.