Por cuarta ocasión un bar da parroquia de Xeve foi multado pola Policía Local de Pontevedra por saltarse as restricións sanitarias.
A concelleira portavoz do goberno local de Pontevedra, Anabel Gulías, informou este luns do labor de inspección e control da Policía Local na semana do 8 ao 14 de febreiro, na que puxo 62 propostas de sanción polo incumprimento das medidas impostas con motivo da pandemia da Covid-19.
Concretamente, de luns ao xoves interpuxéronse 25 denuncias e de venres a domingo foron outras 37 máis.
Entras as máis rechamantes atópanse as multas a dous locais hostaleiros.
Este bar reincidente de Xeve foi denunciado o sábado. Os axentes municipais interpuxéronlle 3 denuncias por unha agrupación de persoas non conviventes, ao propietario do local puxéronlle dúas multas: por non permitir a inspección do bar e outra por exercer unha actividade hostaleira que está prohibida polas actuais normas para evitar a propagación do Covid-19. Ademais houbo outras tres denuncias polo consumo no interior.
O xoves pola tarde houbo outra inspección da Policía Local a unha taberna rural de Fragoso, na que puxeron 4 denuncias a clientes por non ser conviventes. Nin os clientes nin o propietario usaban máscara, unha circunstancias pola que tamén foron propostos para sanción, e o propietario do local suma outra multa máis por exercer unha actividade hostaleira que está prohibida nestes momentos.
CONTROIS
Ademais a Policía Local continúa exercendo un labor de inspección e control en puntos como os supermercados, Praza de Abastos, establecementos comerciais, entre outros locais nos que se produce unha maior concentración de persoas.
Anabel Gulías quixo destacar que a Policía Local tamén acode e os colexios e institutos para supervisar as entradas e saídas dos centros educativos e o respecto das normas sanitarias nos tempos de recreo, significando que "non se puxo ningunha denuncia o cal é de parabenizar", dixo.
En canto aos controis do tráfico despregáronse en 10 puntos do municipio. Dous de luns a xoves e 8 na fin de semana que lanzaron un saldo total de 27 denuncias. Das que 14 foron por saltarse o peche perimetral, 4 por non levar posta a máscara e 9 por non conviventes.
Finalmente Gulías informou que a concesionaria do servizo de limpeza está a recoller o lixo en 13 domicilios con casos activos de covid.