Denuncian que a falta de médicos no PAC de Marín obrigou a derivar pacientes a Bueu e Pontevedra

Marín
07 de xaneiro 2022

A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo denuncia que a pasada fin de semana o centro de saúde de Marín "non tiña ningún persoal médico” para atender as urxencias, algo que xa acontecera o pasado 29 de decembro

Cartel colocado no centro de saúde de Marín o 29 de decembro
Cartel colocado no centro de saúde de Marín o 29 de decembro

A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo denuncia que a pasada fin de semana o centro de saúde de Marín "non tiña ningún persoal médico” para atender as urxencias, levando a "a derivación de pacientes ao PAC de Bueu ou da Parda en Pontevedra para ser atendidos".

Trátase dunha situación, aseguran desde a plataforma, que xa se viviu o pasado 29 de decembro.

Segundo explica o colectivo "isto é máis grave aínda se lle sumamos os recortes na atención primaria do noso concello" xa que "no Centro de Saúde de Marín hoxe só hai 6 médicos de 14 e, en Seixo, un único facultativo para 2.200 persoas", defenden,

Nese sentido indican que "se non hai posibilidade de ter consulta no centro de saúde porque non hai  medico e pasa o mesmo nas urxencias do PAC, a xente acaba por ir ás urxencias do Hospital Montecelo que están desbordadas", ou mesmo á sanidade privada.

Para esta plataforma, que agrupa a 20 colectivos das parroquias de  Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo, chegouse a esta complicada situación nos centros de saúde do municipio pola política de "non contratar, por iso non se cobren baixas por contaxios de covid ou por outros motivos, permisos ou vacacións", asegura nun comunicado defendendo a un persoal sanitario que "leva moitos meses ao límite" nunha situación que terminan pagando os propios profesionais e tamén todos os usuarios da sanidade pública.