As traballadoras da empresa Cleanet, que se encargan da limpeza das instalacións do cuartel da Brilat en Figueirido e da Escola Naval de Marín, encóntranse en folga durante este mércores 11 e este xoves 12 ante o non pagamento das nóminas durante máis de catro meses.
Este mediodía mantiveron unha asemblea no sindicato CIG na que coñeceron que a empresa ten presentado o concurso voluntario de acredores dende o 9 de decembro de 2014. O concurso adxudicouse a unha sociedade de Zaragoza e o administrador concursal transmitiu aos representantes da CIG que a entidade conta cunha débeda que ascende a 9 millóns 200 mil euros e encóntrase nunha situación de insolvencia inminente.
Dende a central sindical lamentan a actitude adoptada dende o ministerio de Defensa porque esperou ata mediados de xaneiro para rescindir o contrato e convocar un novo concurso xa que segundo Diana Rodríguez, a secretaria comarcal de CIG-Servizos, "ocultaron información coa intención de que a empresa seguira durante meses cobrando facturas, non pagando ás traballadoras e ao final van ter que pagar todos os contribuíntes os salarios a través do Fogasa. E que estivo facendo Cleanet con todos os cartos que pagou Defensa?" pregúntase a representante sindical. "ÿ deleznable", apuntou Diana Rodríguez mostrando a súa indignación porque dende o goberno non se informara de que a empresa xa solicitara o concurso de acredores.
Segundo indicou Marcos Cadórniga, de CIG-Servizos, o administrador concursal remite xa ás traballadoras a solicitar as cantidades debidas a través do Fondo de Garantía Salarial (Fogasa) e conta con dous meses para decidir se acepta a débeda que presente o persoal e comprobar en que situación económica se encontra a empresa. Durante ese tempo, as traballadoras continuarán traballando sen recibir o seu salario.
Cadórniga indica que, cando se reuniron en Madrid en xaneiro con representantes do ministerio de Defensa, ninguén os informou de que Cleanet presentara o concurso de acredores e entenden que os enganaron ocultándolles a información e buscando escusas para que a empresa seguise cobrando.
Sinalan que as traballadoras están a recibir ordes dos mandos militares pero, non obstante, dende Defensa non se defenden ás traballadoras que continúan sufrindo esta situación de non pagamento.
A folga do equipo de Cleanet continuará entre o 21 e o 24 de febreiro. O ministerio de Defensa adxudicará en marzo este servizo de limpeza a unha nova empresa.