Denuncian que O Morrazo quedou temporalmente cun bombeiro menos e sen un vehículo de excarceración

Marín
19 de febreiro 2018

O presidente do comité de empresa Ángel Moldes afirma que o bombeiro e o vehículo foron trasladados durante este sábado 18 do Parque de Bueu ao do Salnés para cubrir unha baixa laboral dun compañeiro, reducindo os efectivos para atender as emerxencias do Morrazo

Bombeiros do Morrazo
Bombeiros do Morrazo / Consorcio de Bombeiros

Ángel Moldes, o presidente do comité de empresa de Matinsa, a empresa encargada da xestión dos Parques de Bombeiros do Morrazo e O Salnés, denuncia que este sábado un bombeiro e un vehículo  BUL-31 tiveron que desprazarse da base de Bueu á de Ribadumia para cubrir unha baixa laboral. Esta decisión provocou que O Morrazo quedara cunha quenda de tan só tres efectivos cando o establecido son catro.

Ademais, o representante sindical indica que o vehículo  BUL-31 emprégase para rescate en altura, para atender a persoas en situacións complicadas ou para chegar a puntos de difícil acceso. Ademais, este vehículo tamén é fundamental para excarcerar a vítimas de accidentes de tráfico. Por este motivo,  Moldes indica que carecer deste transporte ten consecuencias á hora de atender emerxencias na comarca.

Para o líder sindical, esta situación mostra a mala xestión de recursos públicos por parte de Matinsa, que cobra polo seu servizo tanto á  Deputación de Pontevedra como á Xunta de Galicia para garantir as intervencións. Ángel Moldes indica que a empresa está obrigada a contar con 13 persoas en bolsa de traballo para cubrir as baixas que se produzan nos Parques de Bombeiros que xestiona.

O comité de empresa, formado por CIG, UXT, CC.OO. e SIBGAL, lamentan que Matinsa siga facendo negocio das emerxencias e da seguridade veciñal. Por este motivo reclaman que desde a  Deputación, tanto o BNG como o PSOE, adopten medidas.

Desde o 8 de maio de 2017, os traballadores do Parque de Bombeiros do Morrazo atópanse en folga. O Consorcio contra Incendios e Salvamento de Pontevedra, no que se atopan a Xunta e a  Deputación, decretara servizos mínimos do 100% do persoal. Esta decisión obriga á empresa, segundo os representantes sindicais, a contar con quendas de catro bombeiros, unha situación que se incumpría durante este sábado, precisamente nesa xornada os Bombeiros do Parque de Bueu tiveron que desprazarse a Marín para atender un incendio no centro urbano.