Denuncian un vilagarcián por exhibirse espido e provocar a dúas menores de 15 e 16 anos

O Salnés
11 de outubro 2021

As dúas vítimas relataron que o denunciado chamoulles a atención dende un portal, ensinándolle os xenitais, tocándoos e xesticulando coa man para que o acompañasen. Elas fuxiron, pero o home volveu a baixarse os pantalóns para reclamarlles que se achegaran ao portal e dicirlles "que vamos para arriba".

Sede da Policía Local en Vilagarcía de Arousa
Sede da Policía Local en Vilagarcía de Arousa / PontevedraViva

Dúas menores de 15 e 16 anos formalizaron unha denuncia ante a Comisaría da Policía Nacional de Vilagarcía de Arousa contra un home que presuntamente se exhibiu espido tocando os xenitais e propoñéndolle que elas o acompañaran. 

Os feitos sucederon o pasado venres 8 de outubro na rúa Alexandre Bóveda de Vilagarcía e o home xa foi localizado pola Policía Local, que logo puxo os feitos en coñecemento da Comisaría da Policía Nacional. Alí as rapazas tamén interpuxeron a correspondente denuncia 

Segundo a información facilitada pola Policía Local, o suposto exhibicionista é un home de 40 anos de idade de iniciais A.D.F. que vive en Vilagarcía e está denunciado por un presunto delito de exhibicionismo e provocación sexual contra menores de idade.

As dúas vítimas relataron que estaban paseando cando, á altura do número 10 da rúa Alexandre Bóveda, o denunciado chamoulles a atención dende un portal, ensinándolles os xenitais, tocándoos e xesticulando coa man para que o acompañasen.

Elas fuxiron, pero o home volveu a baixarse os pantalóns para reclamarlles que se achegaran ao portal e dicirlles, literalmente, "que vamos para arriba".

As mozas fuxiron e atopáronse cunha patrulla da Policía Local. Dirixíronse aos axentes e explicáronlles o sucedido e que se trataba dun home de máis de 40 anos que vestía polo rosa e pantalóns vaqueiros azuis, tiña cabelo marrón e unha altura aproximada de 1,70.

A partir desta descrición, os policías inspeccionaron o edificio do que saíra e atopárono no segundo andar.