Depomar, o proxecto que reivindica o traballo das mariscadoras, chega a Poio

Poio
24 de agosto 2021

Na carpa instalada na avenida Praia de Lourido repartiuse material divulgativo, entre o que se atopaba un código QR para acceder ao audiovisual protagonizado por mariscadoras que reivindican o seu labor e a presenza activa nas confrarías

Carpa informativa do proxecto Depomar instalada en Poio
Carpa informativa do proxecto Depomar instalada en Poio / Deputación de Pontevedra

O Concello de Poio acolle durante toda a xornada deste martes a campaña informativa do proxecto DepoMar, unha iniciativa que a Deputación de Pontevedra puxo en marcha, con financiamento europeo, xunto coa Fundación Biodiversidad.

O seu obxectivo é fomentar a protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas mariños en espazos da Rede Natura 2000 da provincia a través da participación activa e directa das mulleres mariscadoras.

O deputado Gregorio Agís e o alcalde de Poio, Luciano Sobral, participaron na carpa informativa instalada na avenida Praia de Lourido. Tamén se achegaron a coñecer o proxecto as concelleiras Chelo Besada e Silvia Díaz.

As actividades de sensibilización de DepoMar continúan coa difusión nas redes sociais da Deputación do audiovisual do proxecto, que ten como obxectivo poñer en valor a importancia do traballo da muller mariscadora na conservación dos recursos mariños.

O audiovisual da campaña de DepoMar está protagonizado por mulleres empoderadas do mar, que explican o seu traballo, a aposta pola sustentabilidade e reivindican a importancia de ter voz nas confrarías: Rita Míguez (presidenta de Anmupesca, Asociación Nacional de Mulleres da Pesca), María José Vales (patroa maior de A Pastoriza, Vilanova de Arousa), Esmeralda Otero (agrupación de Mariscadoras de Redondela), Marina Buceta (agrupación de mulleres mariscadoras Mar de Poio) e Nuria Novelle (da asociación Amarturmar).

Na carpa instalada en Poio repartiuse material divulgativo e dous códigos QR: un co vídeo e outro co código de boas prácticas. Ao longo desta semana pasará por Cambados, o mércores 25 de agosto, e O Grove, o venres 27.