A concellería de Deportes tiña previsto instalar un parque de calistenia na Illa das Esculturas, na contorna da pasarela peonil e moi preto dunha das intervencións que dá nome a este espazo natural da Xunqueira.
Con todo, a decisión da concellería de Patrimonio de poñer en valor este conxunto artístico, que levaba anos en situación de abandono, obrigou ao departamento que dirixe o socialista Tino Fernández a modificar a súa formulación inicial e buscar unha localización alternativa que non afecte as esculturas.
"Estamos barallando varias alternativas máis respetuosas coas intervencións escultóricas da Illa do Covo, pero todavía non temos tomada unha decisión", recoñeceu o tenente de alcalde de Pontevedra este venres descartando a localización prevista inicialmente.
O que si teñen decidido é dotar á cidade dunha instalación para a práctica dun deporte urbano que cada día gaña máis adeptos. "Nos vindeiros días tomaremos unha decisión, pero a intervención será nun lugar próximo ao previsto", rematou.