A Deputación comprométese a pagar o 50% da reforma do céspede de Pasarón

Pontevedra
15 de xullo 2026

O goberno provincial aprobará, por agora, unha partida de 160.000 euros, que é a metade do que o club estima, segundo Rafa Domínguez, que custará esta renovación do céspede

Estado do céspede de Pasarón a 11 de maio de 2026
Estado do céspede de Pasarón a 11 de maio de 2026 / Sergio Guillermo Lourés Miranda

O goberno provincial anunciou este mércores que pagará a metade da factura que haberá que abonar para renovar o maltreito céspede do estadio de Pasarón.

Así o confirmou o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, que cifrou ese desembolso nuns 160.000 euros.

Ese diñeiro, segundo Domínguez, é o que estima o Pontevedra CF que custaría a metade das actuacións necesarias para renovar o manto verde do campo.

"Se finalmente a contía fora superior, desde a institución provincial comprometémonos a abonar a metade do importe total", aclarou o vicepresidente.

A Deputación entende que, ao tratarse dunha instalación municipal, o outro 50% terá que ser asumido polo Concello de Pontevedra.

Para Rafa Domínguez, o estado do céspede de Pasarón "non é aceptable" para a imaxe do club e da propia cidade porque "se queremos ascender ao fútbol de elite non podemos ter un céspede de rexional".

Domínguez, que defendeu que a Deputación é a administración pública que máis apoio presta ao Pontevedra CF, cun convenio anual de 160.000 euros, reiterou que o club granate necesita unhas instalacións "á altura desa ambición".

O desexable sería, sostivo, que Pasarón tivese un céspede "digno" e o campo "que se merece" de cara ao comezo da temporada, aínda que a tramitación administrativa dunha actuación destas características fano inviable.

En todo caso, a concesión destes 160.000 euros serán aprobados no próximo pleno da corporación provincial, mediante unha modificación de crédito, e será unha "achega completamente extraordinaria", segundo o vicepresidente.

É dicir, serán "alleos" ao convenio anual entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Pontevedra, que ascende a uns 2,5 millóns de euros e cuxo destino decide exclusivamente a administración municipal.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora