A Deputación de Pontevedra mobilizou preto de 3,3 millóns de euros para estradas provinciais, infraestruturas deportivas e investimentos en concellos.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, compareceu este venres en rolda de prensa para dar conta dos asuntos abordados na Xunta de Goberno Provincial, celebrada á primeira hora da mañá.
A partida máis importante é a destinada ao Plan + Provincia, con máis de 1,8 millóns de euros, para financiar obras e servizos de competencia municipal na Guarda, Baiona, Marín e Poio e tamén para a contratación dun total de 79 persoas desempregadas na Estrada, A Guarda, Bueu, Crecente, Ponte Caldelas e Soutomaior.
Luís López detallou que a administración provincial xa leva distribuídos 4,2 millóns de euros, "dun total de 48,2 millóns que está dotado este plan".
En materia de infraestruturas, o goberno provincial aprobou hoxe o expediente para contratar as obras para dotar dunha senda peonil á estrada EP-5005 no Concello de Crecente cun orzamento de 240.000 euros, dos que o 80% será achegado pola Deputación e o 20% restante asúmeo o Concello.
Tamén foron aprobadas as bases do programa +Música, unha iniciativa que conta cun orzamento de 700.000 euros, "100.000 euros máis que o ano pasado", e que consiste nun catálogo de grupos que se pon a disposición dos municipios de menos de 50.000 habitantes para que conten con actuacións de grupos e artistas profesionais que levan a cabo interpretacións e composicións en lingua e de autoría galegas.
Milladoiro, Ortiga, Treixadura, Dakidarría, Budiño, Luar na lubre, The Rapants, Guadi Galego ou Lontreira, son algúns dos numerosos artistas incluídos neste catálogo que os concellos poderán solicitar entre o 1 e o 15 de marzo, podendo pedir unha actuación se o caché supera os 12.000 euros ou dous de menor importe. Estes concertos serán gratuítos e deberán desenvolverse entre o 1 de abril e o 31 de decembro.
Luís López tamén informou que a Deputación de Pontevedra vén de aprobar o patrocinio, por 140.000 euros, da proba ciclista O Gran Camiño, que se disputará do 26 de febreiro ao 2 de marzo de 2025. A segunda etapa, o 27 de marzo, terá saída en Marín e meta na Estrada.
O presidente provincial destacou a importancia deste tipo de eventos deportivos como "panca económica" e sinalou a oportunidade que representa para "dar a coñecer a nosa riqueza natural e paisaxística" pondo o foco no interior da provincia.
A Deputación tamén aprobou este venres destinar 360.000 euros a tres concellos dentro da segunda edición do Plan de infraestruturas deportivas.
Concretamente, vaise a beneficiar Baiona con 100.000 euros para os traballos de adecuación e mellora do pavillón do CEIP Fontes-Baiña; o Concello de Covelo con 60.000 euros para o mantemento da piscina municipal e o Concello da Estrada con 200.000 euros para a remodelación do campo de fútbol Manuel Regueiro.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.