O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, informou este venres dos contidos tratados na Xunta de Goberno Provincial na que se mobilizaron 1,9 millóns de euros "para seguir apostando pola cultura, polo apoio aos concellos e tamén a modernización da rede viaria".
Entre outros asuntos, a Deputación aprobou as bases da terceira edición do circuíto +Escénicas, destinado a promover as artes escénicas en galego en municipios de menos de 20.000 habitantes. O programa eleva o seu orzamento até os 204.000 euros, un 36% máis que na súa primeira convocatoria.
Luís López destacou tamén o aumento das axudas aos concellos, que poderán recibir até un máximo de 4.000 euros en cofinanciación e seleccionar un máximo de cinco espectáculos, con presenza obrigatoria de danza se solicitan catro ou máis.
As compañías poden inscribirse até o 28 de febreiro; os municipios deberán presentar as súas solicitudes entre o 16 e o 31 de marzo. As actuacións celebraranse entre abril de 2026 e marzo de 2027.
Ademais aprobou a concesión de axudas destinadas a entidades sen ánimo de lucro para a recuperación e posta en valor do patrimonio marítimo-fluvial da provincia. A liña de subvencións repartirá preto de 90.000 euros entre 12 colectivos.
As axudas permitirán financiar traballos de restauración, rehabilitación e mantemento de embarcacións tradicionais, así como a adquisición de equipamento, co obxectivo de preservar este patrimonio e fomentar o seu uso en actividades socioculturais e divulgativas.
O goberno provincial tamén aprobou dúas axudas por un total de 230.000 euros para Moraña e Silleda, con cargo ao terceiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (PEID).
Moraña recibirá 101.000 euros para culminar a terceira fase de mellora do campo de fútbol de Mirallos, con actuacións en pavimentos, bancadas, peches e a creación dun novo vestiario. Pola súa banda, Silleda contará con 131.000 euros para renovar integralmente os vestiarios da piscina municipal da Bandeira, mellorando envolvente, instalacións e equipamentos.
O presidente provincial, Luís López, lembrou que o PEID está dotado con 8 millóns de euros para reforzar as infraestruturas deportivas en municipios de menos de 50.000 habitantes e avanzar no obxectivo de converter a provincia en "unha provincia do deporte".
A Deputación deu luz verde a un investimento de preto de 900.000 euros na mellora da mobilidade peonil na EP-2203, entre Baredo e Baiona, grazas a un novo convenio con este Concello. A actuación, que responde a unha demanda veciñal, incluirá unha senda peonil de case un quilómetro, renovación de pavimento e pluviais, nova iluminación e pasos de peóns sobreelevados reforzando a seguridade viaria, especialmente para o autobús escolar do CEIP Fontes-Baíña.
Por último, no ámbito dos investimentos municipais do Plan +Provinvia, a Deputación decidiu destinar un total de 350.000 euros á creación de emprego en tres Concellos: Moraña recibirá 109.000 euros para contratar a 8 persoas desempregadas, Vilaboa contará con 115.000 euros para 6 novas incorporacións e Rodeiro disporá de 126.000 euros para 12 contratacións.