A Deputación mobiliza 4,3 millóns para lingua, igualdade e deporte

Pontevedra
24 de abril 2026

No ámbito da igualdade, a Deputación adxudicou a contratación do programa Máis Xuntas para os vindeiros dous anos, cun orzamento próximo aos 700.000 euros

Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra
Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar un novo paquete de investimentos por valor de 4,3 millóns de euros co obxectivo de reforzar a cooperación cos concellos, promover o uso do galego, avanzar en políticas de igualdade e consolidar o modelo de provincia deportiva. Así o explicou este venres o presidente provincial, Luis López, tras a reunión da Xunta de Goberno.

Un dos eixos destacados é o impulso á lingua galega, "un asunto que me interesa especialmente", dixo López. A institución provincial destinará 200.000 euros a apoiar os Servizos de Normalización Lingüística en municipios de menos de 50.000 habitantes.

En total, nove concellos beneficiaranse destas achegas: A Caniza, A Estrada, Moaña, Mos, Ponteareas, Redondela, Salceda de Caselas, Valga e Vilagarcía de Arousa. Cada un deles recibirá 20.625 euros, agás Mos, que contará con 35.000 euros ao crear un novo servizo.

"Queremos incrementar o prestixio do galego, especialmente entre as xeracións máis novas, e garantir que este patrimonio non se perda", subliñou López, quen apelou á colaboración dos concellos como "aliados clave".

No ámbito da igualdade, a Deputación adxudicou a contratación do programa Máis Xuntas para os vindeiros dous anos, cun orzamento próximo aos 700.000 euros. A iniciativa desenvolverá en 2026 un total de 207 obradoiros dirixidos a colectivos de mulleres en 53 concellos, con actividades centradas en tecnoloxía, creatividade, natureza e saúde, fomentando tamén a creación de redes de apoio.

O deporte volve situarse como outro dos piares da acción provincial. Aprobáronse as bases das axudas a clubs que compiten en categorías inferiores ao ámbito estatal, cunha dotación de 700.000 euros destinada a cubrir gastos de competición, adestramento e material.

Ademais, o Plan Máis Provincia recibe un novo impulso con achegas por valor de 350.000 euros en Cangas do Morrazo, A Estrada e Vilaboa.

En paralelo, seis concellos beneficiaranse do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que repartirá máis de 850.000 euros entre Dozón, Pontecesures, Ribadumia, Sanxenxo, O Porriño e Cangas do Morrazo.

Por último, no eido das infraestruturas viarias, deuse luz verde á contratación das obras para crear un itinerario peonil na estrada provincial EP-2601 Mos-Puxeiros, no concello de Mos, cun investimento de 1,5 millóns de euros.