A Deputación aproba 1,9 millóns de euros para que 12 concellos destinen a investimentos e gasto corrente

Umia
11 de abril 2025

Ademáis, na Xunta de Goberno provincial adxudicáronse, por 462.252 euros, as obras de mellora da seguridade viaria na EP-8404 Piñeiro-Arcos, en Cuntis

Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra
Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres en Xunta de Goberno destinar 1,9 millóns de euros para que doce concellos fagan investimentos e afronten gasto corrente. Estes novos recursos beneficiarán a Agolada, Baiona, Bueu, A Estrada, A Guarda, A Lama, Nigrán, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Silleda e Vila de Cruces.

O vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, deu conta en rolda de prensa desta medida acordada ao abeiro das dúas primeiras liña do Plan +Provincia 2025

Rafa Domínguez sinalou que o goberno provincial xa leva distribuídos 18,4 millóns de euros do plan + Provincia neste 2025 entre os concellos pontevedreses de menos de 50.000 habitantes.

Nesta Xunta de Goberno adxudicáronse por 462.252 euros as obras de mellora da seguridade viaria na EP-8404 Piñeiro-Arcos, en Cuntis. Esta actuación será financiada integramente pola institución provincial cun orzamento total de 520.000 euros e co obxectivo de mellorar a seguridade e funcionalidade desta vía.

A actuación na EP-8404 desenvolverase nun tramo de 3,4 quilómetros desta estrada, no que a Deputación instalará unha nova capa de rodadura, así como novas cunetas para o tránsito peonil seguro, ademais de renovar a sinalización e solucionar os actuais problemas de filtracións de auga. Entre os traballos tamén destaca a colocación de lousas hidráulicas para completar as beiravías nas zonas peonís. 

Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra
Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra

INFRAESTRUTURAS DEPORTIVAS

Este venres a Deputación de Pontevedra tamén aprobou achegas por valor de 400.000 euros para que catro concellos da provincia realicen melloras en infraestruturas deportivas.

Son recursos do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado con 8 millóns de euros para os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia, que chegan esta semana á Cañiza, Lalín, Nigrán e Sanxenxo.

Ademáis Rafa Domínguez informou que o goberno provincial tamén aprobou destinar 650.000 euros para os clubs deportivos que participen en competicións de ámbito inferior ao estatal.

Estes fondos, que o pasado ano beneficiaron a 519 clubs de 58 concellos da provincia, distribuiranse en dúas liñas diferentes. A primeira, cun orzamento de 600.000 euros, está destinada aos clubs de competicións de ámbito inferior a estatal, que poden solicitar un  máximo de 3.000 euros cada un, e a segunda, á que a Deputación destina 50.000 euros, está centrada naqueles clubs que participen na competición de fútbol Preferente Galicia, que recibirán ata 5.000 euros.

Estas achegas permitirán subvencionar gastos federativos, de competición e adestramento, de persoal, de material deportivo ou sanitario, e súmanse aos 900.000 euros aprobados a pasada semana para competicións de ámbito estatal.

IGUALDADE

A Deputación de Pontevedra adxudicou este venres dos 207 obradoiros do programa provincial +Xuntas, que ten un orzamento de 323.000 euros e do que desfrutarán outras tantas entidades de 56 concellos.

Máis de 5.000 mulleres poderán participar nestes obradoiros que se encadran en catro bloques temáticos relacionados coa tecnoloxía, a creatividade, o medio natural e a saúde. +Xuntas está dirixido a federacións e fundacións sen fins de lucro da provincia que traballan na promoción das mulleres, apoiando o seu desenvolvemento.