A Deputación de Pontevedra, sétima de España en certificarse no Esquema Nacional de Seguridade

Pontevedra
05 de abril 2026

O recoñecemento acredita que a institución cumpre cos estándar esixidos para garantir a protección, fiabilidade e continuidade dos seus servizos dixitais

Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra Mónica Patxot

A Deputación de Pontevedra acaba de de alcanzar a certificación no Esquema Nacional de Seguridade (ENS) en categoría MEDIA.

Trátase dun recoñecemento que acredita que os seus sistemas de información e aplicacións cumpren cos requisitos e medidas de seguridade esixidos para garantir unha protección idónea da información e dos servizos dixitais.

O ENS constitúe o marco normativo de referencia para as administracións públicas no ámbito da seguridade da información.

Establece os principios básicos e requisitos mínimos que permiten garantir aspectos clave como a confidencialidade, a integridade, a dispoñibilidade, a autenticidade, a trazabilidade e a conservación dos datos e dos servizos electrónicos.

Esta certificación, outorgada por Cámara Certifica, entidade acreditada pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC), converte á Deputación de Pontevedra na segunda de Galicia en conseguila, tras a da Coruña, e na sétima de España despois das deputacións de Albacete, Cádiz, Castellón, Huesca e Segovia.

No caso da Deputación de Pontevedra, explica a institución provincial, abarca tres servizos dixitais fundamentais na súa relación coa cidadanía e cos concellos da provincia: a plataforma de administración electrónica para concellos, a oficina virtual tributaria e o rexistro electrónico.

Para lograr a certificación foi necesario superar un proceso de auditoría realizado por unha entidade independente acreditada, que avaliou o grao de cumprimento do Real Decreto 311/2022, de 3 de maio.

No caso da categoría MEDIA, este proceso inclúe varias xornadas de revisión nas que se analizan en detalle os sistemas de información e as medidas implantadas.