A rúa Pilar Bértola, perpendicular a Jofre de Tenorio e paralela á avenida de Uruguai, será obxecto dunha actuación urbanística que mellorará a contorna para o goce cidadán.
O primeiro paso será derrubar unha vivenda situada na esquina coa praza Cornelis de Holanda. Leva décadas abandonada e, desde hai anos, é xa propiedade municipal, de modo que o Concello decidiu tirala.
O concelleiro de servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda, visitou a zona este mércores para seguir os traballos e explicar a actuación.
As obras para a derriba xa comezaron, aínda que Moreda explicou que este mércores tiveron un pequeno parón pola avaría dun guindastre que estaba a desmontar a casa.
Agora haberá que usar un guindastre de maior tamaño e "ata luns non se van renovar os traballos".
A actuación será breve, en cuestión de tres días confían en que estea xa derrubada a casa. Logo haberá que asfaltar e, segundo calcula Moreda, "nunha semaniña deberían estar os traballos feitos".
A vivenda é de pequeno tamaño e pasa desapercibida para a maioría da poboación nunha rúa pouco coñecida da cidade, pero a súa demolición será beneficiosa para os usuarios de gran catnidad de vivendas e edificios.
O obxectivo é mellorar o espazo, pois a casa xeraba un "tapón urbanístico que interrompe o paso" e dá sombra ás vivendas da zona.
Sen a casa, a rúa quedará máis ancha e van regular as cotas da rúa, pois a praza Cornelis de Holanda está máis alta que Pilar Bértola. Como resultado, van conseguir "adecentar esta praciña" como espazo público para goce dos cidadáns de Pontevedra.
