Desactivada a alerta por escaseza de auga no abastecemento do Lérez e activada para o xoves alerta laranxa por choiva

Pontevedra
25 de outubro 2023

A Xunta constata unha mellora nas reservas de auga que permite recuperar os niveis de normalidade e desactivar a prealerta por escaseza no sistema de abastecemento do río Lérez

Centro histórico de Pontevedra nun día de chuvia
Centro histórico de Pontevedra nun día de chuvia / Mónica Patxot

A Xunta constata unha mellora nas reservas de auga que permite recuperar os niveis de normalidade e desactivar a prealerta por escaseza no sistema de abastecemento do río Lérez e no do río Grande, ría de Camariñas e Costa da Coruña ata o río Anllóns.

A Oficina Técnica da Seca celebrou este mércores unha nova reunión na que ratificouse que, tras as chuvias rexistradas na terceira semana de outubro, se produciu un incremento importante dos caudais circulantes, de modo xeneralizado, prevéndose que continúe esta liña de ascenso coas precipitacións que se agardan nas vindeiras semanas.

Unha vez avaliados os indicadores hidrolóxicos e meteorolóxicos na Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, de titularidade autonómica, a Oficina Técnica da Seca acordou pasar á situación de normalidade no sistema de abastecemento do río Lérez.

Por outra banda, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta vén de activar para este xoves 26 de outubro a alerta laranxa por choiva no interior de Pontevedra.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso comezará esta medianoite e agárdase unha precipitación acumulada en 12 horas de 80 mm. 

O resto do territorio galego queda en alerta amarela, con precipitacións de 40 mm en 12 horas que poden chegar aos 60 mm no interior e suroeste da Coruña e na provincia de Pontevedra. 

Tamén estará activada a alerta amarela por vento, con fortes refachos no interior da Coruña, Noroeste, Miño e Sur de Ourense, e no interior de Pontevedra.