Catro persoas resultaron feridas tras esborrallar parte do falso teito do Teatro Principal de Pontevedra durante o transcurso dun concerto.
Sobre os feridos, que non revisten gravidade, caeron uns dous metros cadrados do falso teito do anfiteatro do recinto, segundo informou o goberno municipal.
Todos eles asistían ao concerto de primavera da Universidade de Vigo.
Até o lugar achegáronse dúas ambulancias para atender a estas persoas.
Tres dos feridos foron atendidos en Montecelo por magulladoras, entre eles unha muller que tiña unha pequena brecha na cabeza.

Como consecuencia deste episodio, a Policía Local procedeu a desaloxar o teatro por motivos de seguridade.
O edil responsable da área de cultura, Demetrio Gómez, acordou suspender toda a actividade neste recinto, polo menos, durante toda a fin de semana.
"Non sabemos aínda por que pasou isto", sinalou Gómez, que explicou que a actividade queda suspendida "mentres non poidamos garantir a completa seguridade" do público que acuda aos espectáculos programados.
Destacou que, tras o suceso, tanto o público como os artistas que estaban sobre o escenario "comportáronse con moita calma" e desaloxaron o Principal "ordenadamente".
O teatro estaba "practicamente cheo", subliñou o representante municipal, e todos os asistentes actuaron "con absoluta educación e corrección".
Nas próximas horas, segundo avanza o Concello, os servizos técnicos municipais revisarán toda a instalación para averiguar os motivos polos que produciu o desprendemento.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.